O conselleiro do Medio Rural visitou a zona para supervisar os labores de roza e anunciou que a iniciativa conta xa co estudo de viabilidade e coa declaración de utilidade pública

A Xunta avanza no desenvolvemento do polígono agroforestal da localidade ourensá de Oímbra

José González salientou que o polígono abrangue unha superficie de case 22 hectáreas e que a súa principal orientación produtiva é cara a cultivos de horta, como os da Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Oímbra, e leñosos


Destacou que este polígono súmase a outros 14 xa iniciados ou en actuacións previas na provincia ourensá, que representan a maioría dos 21 abertos no conxunto de Galicia

Puxo en valor o esforzo orzamentario da Xunta para impulsar estes instrumentos da Lei de recuperación, indicando que nos presupostos de 2023 destinaranse 5,9 millóns de euros ao seu desenvolvemento, o que supón un 11 % máis de fondos ca no 2022
 

Oímbra (Ourense), 26 de novembro de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou hoxe Oímbra para coñecer os avances no seu polígono agroforestal, así como para supervisar os labores de roza que se están levando a cabo, para preparar o terreo. Nesta visita, o titular de Medio Rural confirmou ademais que esta iniciativa conta xa estudo de viabilidade favorable e coa declaración de utilidade pública e interese social, polo que se teñen comezado os traballos de redacción do seu Proxecto básico. O polígono abrangue unha superficie de case 22 hectáreas distribuídas en 72 parcelas correspondentes a 73 propietarios. A súa principal orientación produtiva é cara a cultivos de horta, como os da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Oímbra, e leñosos.

 

O conselleiro salientou que este polígono súmase a outros 14 xa iniciados ou en actuacións previas na provincia ourensá, que representan a maioría dos 21 abertos no conxunto de Galicia. Neste senso, matizou que hai diferentes iniciativas abertas, entre as que destacou o polígono da Gudiña, o de castiñeiros en Riós e os de Monterrei e Cualedro, neste último tamén se vai comezar a traballar en breve. Ademais, José González puxo en valor outra ferramenta da Lei de recuperación para a mobilización de terras, como son as aldeas modelo. Así, destacou que tamén neste caso 14 das 21 aldeas aprobadas na nosa comunidade corresponden a Ourense.

 

Esforzo orzamentario

Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor o esforzo orzamentario da Xunta para impulsar estes instrumentos da Lei, indicando que nos presupostos de 2023 destinaranse 5,9 millóns de euros ao seu desenvolvemento, o que supón un 11 % máis de fondos ca no 2022. Explicou, así mesmo, que estes cartos se distribúen en 4,4 millóns de euros para actuacións en aldeas e polígonos e os restantes 1,5 millóns para a recuperación da terra agraria nas zonas afectadas este ano por grandes incendios forestais.

 

Neste contexto, González lembrou que o obxectivo dos polígonos agroforestais céntrase na volta á produción de terra abandonada de extraordinaria calidade, como no caso de Oímbra, potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. Sinalou ademais que a iniciativa de levalos adiante pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto.

 

En parecidos termos, o conselleiro indicou que tanto os polígonos como as aldeas e as agrupacións de xestión conxunta resultan tamén claves na loita contra os incendios, xa que promoven a xestión da terra e a ordenación do territorio rural. Un territorio no que, engadiu, “cada cousa está no seu sitio”, o que lle permite ser máis resiliente diante do lume. Por iso, remarcou González, “avogamos por un enfoque de paisaxe en mosaico, con descontinuidades que freen o avance dos incendios”.

 

Por último, tras a visita aos terreos do polígono, o conselleiro e a directora xeral reuníronse cos propietarios dos predios, co fin de impulsar estas actuacións e de ofrecerlles asesoramento para actualizar os documentos acreditativos da titularidade das súas parcelas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural