A Xunta difunde a través dunha xornada as oportunidades de obter materiais sustentables a partir de produtos desbotados

A Materioteca de Galicia organiza un obradoiro o 1 de decembro sobre materiais obtidos a partir de produtos que chegan á fin da súa vida útil
 

O encontro, que terá lugar o 1 de decembro no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol, pecha un ciclo no que se exploran os novos materiais en relación con procesos sostibles e coa economía circular

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, pecha o vindeiro 1 de decembro o seu ciclo dedicado a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño. Este derradeiro workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, organizado a través da Materioteca de Galicia no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), terá como eixe central a presentación de materiais obtidos a partir de produtos que chegan á fin da súa vida útil.

 

Durante a primeira parte da xornada, que será retransmitida en liña, representantes das empresas INS3RTEGA e EcoMagnet expoñerán as súas propostas de reciclado de textís e pó de imáns, respectivamente. Ademais, o centro tecnolóxico Aitiip presentará a súa tecnoloxía de transformación de resinas procedentes da aviación, do transporte e da construción. A segunda parte, de carácter exclusivamente presencial, terá formato de taller práctico e interactivo e estará a cargo da empresa especializada Materially, que presentará un estudo estratéxico sobre materiais que supoñen darlle unha segunda vida a produtos desbotados e as tecnoloxías que o fan posible. A inscrición a este derradeiro workshop do ciclo está aberta e pode formalizarse aquí

 

 

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa da Xunta para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño. Trátase dun espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.