A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou nas XXVI Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro de Celeiro
A Xunta avanza na redacción do anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia co obxectivo de presentalo antes de que remate 2022
Ángeles Vázquez considera que é vital acadar unha correcta ordenación do territorial, na que se combine a protección ambiental e o desenvolvemento económico do sector pesqueiro
Lamenta que as últimas actuacións do Goberno central só teñan o obxectivo de eliminar calquera vestixio de actividade humana na costa sen avaliar as súas consecuencias económicas e sociais
Fai fincapé no traballo que está a realizar o Goberno galego para garantir a sostibilidade dos recursos e loitar contra os perigos aos que se enfronta o sector pesqueiro como consecuencia do cambio climático
Viveiro (Lugo), 25 de novembro de 2022 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou, esta mañá, que a Xunta avanza na redacción do anteproxecto da Lei de ordenación do litoral do Galicia co obxectivo marcado de presentar o texto antes de que remate 2022 para que poida ser sometido a debate e aprobación no Parlamento o vindeiro ano.
Durante a súa participación nas XXVI Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro de Celeiro, a conselleira destacou o dobre obxectivo desta nova normativa: regular a franxa litoral desde Galicia en base a unha tripla perspectiva -ambiental, social e económica- e dar seguridade xurídica aos titulares de instalacións en dominio público marítimo terrestre (DPMT), definindo as actividades que pode albergar cada tramo costeiro.
É vital acadar unha “correcta ordenación do territorial”, na que se combine a protección ambiental e o desenvolvemento económico do sector pesqueiro, engadiu Ángeles Vázquez, quen incidiu na importancia de que a costa debe ser regulada por quen mellor a coñece, que son a propia Comunidade e os axentes económicos que traballan no litoral, que saben da súa potencialidade e das súas necesidades ambientais.
Nesa liña, o Goberno autonómico quere resolver cunha norma propia e adaptada á realidade galega os problemas que está na provocar as últimas medidas e reformas normativas aprobadas polo Executivo central desde 2018 co fin de impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da Lei de costas.
Neste sentido, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no dominio público a través da Lei de cambio climático, ou a modificación este verán do Regulamento de costas, que elimina na práctica a posibilidade de prórroga extraordinaria para as industrias do mar.
De feito, Galicia recorreu ante o Tribunal Supremo a devandita reforma regulamentaria porque limita, condiciona e mesmo vulnera dereitos recoñecidos pola lexislación de costas a través dunha norma de rango inferior. Trátase dun recurso que vai en defensa dos intereses de Galicia xa que esta modificación limita os dereitos recoñecidos legalmente a particulares, empresas e outros titulares de concesións no DPMT, así como as propias competencias autonómicas no litoral.
Ademais, a conselleira lamentou que as últimas actuacións do Goberno central só teñan o obxectivo de eliminar calquera vestixio de actividade humana na costa sen avaliar as súas consecuencias económicas e sociais. Segundo os cálculos da Xunta, hai 4.000 edificacións públicas ou privadas en DPMT que están en perigo e, ademais, tal e como explicou Ángeles Vázquez, xa se están a paralizar algúns investimentos por mor dos vaivéns regulamentarios que se están producindo nos últimos anos.
Así, nos 9 concellos da provincia lucense o Instituto de Estudos do Territorio identificou como afectadas: 247 edificacións de carácter privado, 57 inmobles empresariais ou industriais, 9 instalacións deportivas e 1 cemiterio.
Loita contra o cambio climático
Durante o seu relatorio A modificación do regulamento xeral de Costas e a súa adaptación á Lei de cambio climático, a conselleira tamén fixo fincapé no traballo que está a realizar o Goberno galego para garantir a sostibilidade dos recursos e loitar contra os perigos aos que se enfronta o sector pesqueiro, como o aumento do nivel medio do mar, o incremento da temperatura superficial do mar, a acidificación ou os cambios das ondadas e mareas meteorolóxicas.