A Xunta destina case 896.000 € á adquisición de equipamento de emerxencias para 131 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da comunidade

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes con agrupacións de voluntarios de Protección Civil
 

Entre o material que se cederá figuran 8 vehículos todocamiño, 8 remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas e 105 desfribiladores externos
 

A Xunta reserva nos orzamentos de 2023 unha contía de 1M€ para continuar a dotar de material os servizos de emerxencias dos concellos

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

 

En concreto, resultaron beneficiarios 130 concellos mais a Mancomunidade Terra de Celanova: 36 na provincia da Coruña, 24 na de Lugo, 52 na de Ourense e 19 na de Pontevedra.

  

A Xunta investirá case 896.000 euros nesta liña de subvencións para a cesión de 8 vehículos todocamiño, 8 remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas duns 4 metros de eslora e 105 desfribiladores externos.

 

Para a próxima convocatoria de 2023, o Goberno galego xa ten reservada unha contía de 1 millón de euros co obxectivo de seguir dotando as AVPC do material necesario para realizar as súas funcións con todas as garantías.

 

As entidades locais beneficiarias ás que, a través desta resolución, se lles concedeu o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción da comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión do material será de tres meses desde a súa recepción.

 

Cómpre ter en conta que, entre o material cedido, as coitelas para a retirada de neve se destinan ás entidades locais que figuran no Plan Nevaradas en Galicia (NEGA) situadas por riba dos 800 metros de altitude, mentres que na concesión dos esparexedores de sal tiveron prioridade os municipios de máis de 500 metros de altitude que tamén figuren neste plan. Do mesmo xeito, os concellos beneficiarios das embarcacións pneumáticas teñen que estar adscritos ao Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga) en 2021 ou teñen que ter encoros nos que ao longo dos últimos tres anos se levasen a cabo probas deportivas ou de adestramentos.

 

Pese a que os servizos de emerxencias son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- a Xunta ten realizado nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias dos concellos. Así, lévanse investidos máis de 24 millóns de euros en material, dos que máis de 14 millóns foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). 

 
A Xunta de Galicia tamén apoia as agrupacións de voluntarios a través dunha cantidade destinada a sufragar os seus gastos de funcionamento con 340.000 euros anuais, dos que na orde deste ano se beneficiaron 190 organizacións. No caso dos GES e dos consorcios provinciais de bombeiros e salvamento, a Administración autonómica asume máis da metade do seu custo anual de mantemento.