A Xunta consolida o apoio aos concellos para a construción e mellora de infraestruturas con 3,5 M€ de orzamento en 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou hoxe o pavillón polideportivo de Boimorto, que contou cunha achega de case 34.000 euros por parte do Goberno galego

O obxectivo é proporcionarlle á veciñanza unhas instalacións coas máximas garantías de accesibilidade e seguridade

Ao abeiro das distintas medidas de apoio ás administración locais, o concello de Boimorto recibiu 645.791 euros nos últimos anos

Boimorto (A Coruña), 24 de novembro de 2022

A Xunta consolida o apoio aos concellos para a construción e mellora de infraestruturas cun investimento de 3,5 M€ nos orzamentos do vindeiro ano. Indicouno o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha visita realizada ao municipio coruñés de Boimorto xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. Ambos visitaron o pavillón deportivo, no que se realizaron diversas melloras cunha achega de case 34.000 euros por parte do Goberno galego.

 

Segundo sinalou Calvo, as actuacións executáronse ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público, destinada a instalacións municipais e na que a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 44 M€ para financiar preto de 1.500 proxectos en toda Galicia. Dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes, a iniciativa permítelles ás administracións locais mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

 

No caso de Boimorto, a axuda outorgada serviu para poñer á disposición da veciñanza un pavillón polideportivo nas mellores condicións de uso, accesibilidade e seguridade. Con este obxectivo instalouse un pavimento vinílico para interiores multideporte e reforzouse o illamento das paredes para corrixir problemas de filtración de auga e de condensación.

 

O vicepresidente salientou as melloras realizadas nunha instalación municipal moi utilizada pola poboación de Boimorto. Situada a carón do centro de educación primaria e infantil Armando Cotarelo Valledor, o pavillón dálle servizo ao alumnado tanto para a materia de Educación Física coma nos recreos, actividades extraescolares ou diversos tipos de eventos. A poboación xeral tamén fai uso desta infraestrutura en celebracións coma Nadal ou Entroido, en actuacións da rede cultural ou en xuntanzas veciñais.

 

Outras achegas no marco do apoio ao eido local

No marco da Orde infraestruturas de uso público, a Xunta colaborou tamén con 43.750 euros no proxecto para a mellora da capa de rodaxe do camiño de Arceo, en Boimorto, a Mezonzo, en Vilasantar, deseñado de xeito conxunto por ambos concellos. A maiores, Boimorto recibiu neste exercicio preto de 7.000 euros para a adquisición de soportes para os contedores do lixo. Esta achega fíxose ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, destinado ao funcionamento de servizos municipais a prol da protección do medio ambiente.

 

As achegas recibidas nos últimos anos nesta localidade no marco do apoio da Xunta ás administracións locais suman 645.791 euros, que se destinaron a distintos proxectos centrados na mellora de infraestruturas municipais e de recursos materiais e humanos para a protección do medio natural, entre outros temas.

 

Na súa visita, o vicepresidente segundo referiuse ao reforzo ao eido local por parte da Xunta nos orzamentos de 2023, cunha suba do 15 % que sitúa esta partida por riba dos 20 M€. Nesta liña, destacou a nova liña de axudas que se porá en marcha para financiar actuacións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, cunha dotación de 2,6 M€. A medida cofinanciarase con fondos Feder co obxectivo de acadar concellos climaticamente neutros a través da modernización das infraestruturas municipais e a promoción das enerxías renovables.