Luis López destaca o potencial turístico e educativo da nova Ecogranxa de Riomouro, no concello de Poio

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra asistíu este mediodía ao acto de inauguración destas instalacións, impulsadas pola familia Esperón Tajes na parroquia de San Xoán, e trasladoulles os parabéns “pola valentía do investimento e a orixinalidade da proposta”
 

“Ten un mérito indiscutible que se poida devolver a vida a unha aldea practicamente abandonada e que se consiga a transformación do rural, polo que todos agardamos que esta iniciativa vencellada á natureza e aos animais sexa un rotundo êxito”, manifestou o representante autonómico

Poio, 24 de novembro de 2022 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou o potencial turístico e educativo da nova Ecogranxa de Riomouro, no Concello de Poio, durante o acto de inauguración destas instalacións celebrado este mediodía nesta aldea da parroquia de San Xoán.

 

O representante autonómico trasladoulles os parabéns aos promotores, a familia Esperón Tajes, en nome do Goberno galego “pola valentía do investimento e a orixinalidade e carácter persoal da proposta”, que aposta polo medio natural e o contacto cos animais e coa natureza.

 

“Nun concello como Poio, onde o turismo ten un peso moi forte polos seus moitos atractivos, creo que é un acerto propoñer unha ecogranxa e achegar o sector primario e a natureza aos seus milleiros de visitantes. Trátase dun produto turístico cada vez máis demandado, aínda que este proxecto creo que tamén ten unha clara e potente vocación educativa cara os colexios, pero que, en todo caso, faise dende unha aposta pola sostibilidade e a responsabilidade co medio”, sinalou Luis López.

 

O delegado territorial, que desexou moita sorte aos promotores no desenvolvemento desta actividade, louvou tamén a iniciativa en xeral, “xa que, máis alá de cuestións socioeconómicas, ten un mérito indiscutible que se poida devolver a vida a unha aldea practicamente abandonada e que se consiga a transformación do rural, polo que todos agardamos que esta iniciativa vencellada á natureza e aos animais sexa un rotundo éxito”.

Imaxes relacionadas