A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e o presidente de Sogama participaron neste encontro informativo

A Xunta organiza en Cervo unha xornada para orientar as entidades locais na implantación da recollida selectiva da materia orgánica

O obxectivo é dar a coñecer tanto a normativa vixente nesta materia como a operativa a seguir polas entidades locais
 

Os participantes realizaron unha visita guiada ás obras da planta de biorresiduos de Cervo, que dará servizo a un total de 15 concellos

Cervo (Lugo), 24 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia organizou en Cervo a xornada informativa O contedor marrón: claves da súa implantación para orientar ás entidades locais no desenvolvemento da recollida selectiva da materia orgánica, no marco da Semana europea da prevención de residuos.

 

Esta xornada, que se centrou na Mariña lucense e, sobre todo, nos 15 concellos que, en principio, utilizarán a futura planta de biorresiduos de Cervo, tivo como obxectivo dar a coñecer tanto a normativa vixente nesta materia como a operativa a seguir polas entidades locais para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor.

 

Durante a inauguración do encontro, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, lembrou que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.

 

Nesa liña, Sagrario Pérez puxo como exemplo desta colaboración que a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais ten entre os seus obxectivos garantir que a gran maioría dos 295 concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

 

A maiores, os participantes na xornada puideron coñecer a experiencia dos concellos de Carballo e A Laracha, pioneiros na implantación do contedor marrón, no proceso de instauración deste quinto contedor, as limitacións coas que se atoparon e como as superaron así como o desenvolvemento de campañas de concienciación social.

 

Visita á planta de biorresiduos de Cervo

Para cerrar esta xornada divulgativa, os participantes realizaron unha visita guiada ás obras da planta de biorresiduos de Cervo, que dará servizo a un total de 15 concellos —14 da Mariña lucense, ademais de Mañón—, que aglutinan a máis de 69.300 habitantes.

 

A de Cervo será a segunda planta de biorresiduos que entre en funcionamento das catro previstas pola Xunta, xa que a previsión é que as obras estean rematadas este mesmo ano. A primeira, xa operativa, é a de Cerceda e as outras dúas son as proxectadas en Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra).

 
O obxectivo é que as catro instalacións de compostaxe que integran a Rede de infraestruturas autonómicas para a valorización da materia orgánica e as 13 plantas de transferencia nas que se apoiarán —cun investimento de 43 millóns de euros do Goberno galego— reciban un pulo definitivo en 2023 e vaian entrando en servizo de forma paulatina.

Imaxes relacionadas