A Xunta mellorou a eficiencia enerxética da Escola de Educación Infantil San Roque, en Viveiro, tras investir 302.000 euros
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o proxecto incluíu a renovación das carpinterías exteriores, a substitución dunha parte da cuberta e a instalación de luminarias LED de baixo consumo
Viveiro (Lugo), 24 de novembro de 2022 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de finalizar as obras de mellora da eficiencia enerxética da Escola de Educación Infantil San Roque, no concello de Viveiro, nas que investiu 302.380 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado da actuación, que incluíu a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos, de seguridade e con cámara de aire intermedia.
Arias tamén destacou o cambio dunha parte da cuberta e a renovación dos canlóns e baixantes do edificio. Ademais, no interior mudáronse as luminarias por outras tipo LED de menor consumo.
A intervención completouse coa instalación de falsos teitos nas aulas, a reforma de aseos e o pintado dos paramentos que se viron afectados pola colocación das novas carpinterías.
O delegado subliñou que estas actuacións foron financiadas con cargo a un contrato por valor total de 2,5 millóns de euros para reformar dez centros educativos da provincia de Lugo, tres deles na Mariña. Así, ademais da EEI San Roque a Xunta impulsa melloras por importe de 232.300 euros no CEIP do Vicedo e por 311.380 euros no CEIP Juan Rey de Lourenzá.