O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá nun almorzo informativo sobre os produtos galegos de calidade que organizou o Clúster Alimentario

A Xunta defende que a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia permitirá impulsar e protexer os produtos que se elaboran ou comercializan no noso territorio

José Luis Cabarcos incidiu en que o gran obxectivo desta nova norma -que está en tramitación- é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía
 

Tamén busca establecer as obrigas dos operadores do sector en relación coa súa actividade e regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica
 

Destacou os 36 selos diferenciados e lembrou o compromiso da Consellería do Medio Rural con este tipo de producións, para as que se investirán máis de 5,4 millóns de euros en 2023 na súa promoción

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá nun almorzo informativo sobre as políticas de promoción e protección da calidade dos produtos alimentarios galegos e do fomento da I+D+i, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia. Alí defendeu que a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia permitirá actualizar o marco normativo da nosa comunidade referido ao impulso da calidade dos produtos alimentarios que se producen ou comercializan no noso territorio.

 

Neste senso, José Luis Cabarcos incidiu en que o gran obxectivo desta futura norma -que está en tramitación- é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Ao tempo, incidiu, búscase achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

 

Así mesmo, o director subliñou que esta norma tamén busca establecer as obrigas dos operadores do sector en relación coa súa actividade como produtores, elaboradores e comercializadores de produtos alimentarios, así como regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica e establecer o réxime sancionador ante ilegalidades, mellorando así a eficacia do sistema de control oficial e perseguindo as prácticas fraudulentas.

 

No eido do I+D+i, José Luis Cabarcos puxo en valor os máis de 6,6 millóns de euros que van no orzamento de 2023 para proxectos de grupos operativos e de innovación agroforestal, repartidos en 3,6 millóns -un millón máis que neste 2022– para continuar reforzando a participación do sector privado na investigación e en máis de 3 millóns para iniciativas innovadoras como proxectos piloto e novos procesos e tecnoloxías.

 

Unha innovación, apuntou o director, que tamén se leva a cabo nos distintos centros de investigación que ten a Consellería, entre eles o de Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Nesta liña, gabou o excelente traballo que se realiza a prol da mellora dos recursos fitoxenéticos e destacou a mellora do Banco de Xermoplasma (no CIAM) cun investimento de 3,4 millóns de euros no orzamento de 2023.

 
Por último, durante a súa intervención, o director da Axencia tamén puxo en valor as producións galegas de calidade, que fan da nosa Comunidade un referente gastronómico. Así, destacou os 36 selos diferenciados e lembrou o compromiso da Consellería do Medio Rural con este tipo de producións, para as que se investirán máis de 5,4 millóns de euros en 2023 na súa promoción.

Imaxes relacionadas