O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o ano 2023

A Xunta lanza unha nova convocatoria de axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, dotadas cun orzamento de 500.000 €

Promóvese a mellora das capacidades dos profesionais do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial

Tamén se fomentan iniciativas formativas noutros ámbitos de interese do sector, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como por daqueles que realizan transportes internacionais

As entidades integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada disporán dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con estes incentivos, posibilitou entre 2020 e 2022 a realización de 453 cursos, no que participaron case 6.400 profesionais

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 20222

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lanza hoxe unha nova convocatoria de axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, ás que se destinará un orzamento de 500.000 euros.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria de axudas á formación dos profesionais do transporte para o vindeiro ano 2023, cuxa información detallada pode consultarse nos seguintes enlaces: https://acortar.link/dN33GD  https://acortar.link/jdTTit

 

A orde publicada fixa as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que van dirixidos ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada: asociacións ou federacións de transportistas, co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre as materias de maior interese para os profesionais do sector.

 

As entidades deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2023.

 

Estas organizacións disporán dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. O procedemento de concesión destas axudas tramítanse en réxime de concorrencia competitiva.

 

Consideraranse subvencionables ao abeiro desta orde as actividades formativas que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2023 e antes de que recaia a resolución definitiva.

Esas actividades deberán incluírse, en todo caso, dentro do plan formativo presentado coa solicitude e prestarse de acordo coas previsións contidas nesta orde, sinaladamente, as relativas aos importes máximos subvencionables, á comunicación do seu inicio e á subcontratación.

 

O orde de axudas establece a data do 2 de novembro de 2023 como último día para presentar a documentación xustificativa das accións formativas realizadas ao abeiro desta convocatoria de axudas.

 

Con estas axudas a Xunta fomenta que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real Decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

 

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

 

O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais do sector do transporte facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos.

 

Nas tres últimas convocatorias, as dos anos 2020, 2021 e 2022, a Xunta concedeu axudas que permitiron a realización de 453 cursos nos que participaron un total de 6.372 profesionais.