O conselleiro do Medio Rural presidiu este mediodía a entrega dos VI Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca 2022

A Xunta vincula o seu apoio ao sector e a aposta pola calidade co incremento sostido dos prezos do leite nos últimos oito meses

José González definiu estes galardóns como “o recoñecemento da Xunta polo esforzo de gandeiros e gandeiras de Galicia comprometidos coa calidade”, algo que facilita a consolidación definitiva deste eido produtivo dentro e fóra de España
 

Destacou iniciativas da Xunta a prol do lácteo como a Estratexia sectorial -e dentro dela a ferramenta informática Conta Láctea-, o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo
 

Salientou as axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e creación de pequenas explotacións, cun orzamento de 54,8 millóns de euros no 2023, e anunciou máis accións formativas para os profesionais, como os cursos Gandeiros 20_30
 

Puxo en valor a presión do Goberno galego nas negociacións da nova PAC para conseguir o aumento das axudas asociadas ao vacún de leite, o incremento da superficie agraria útil ou a adaptación dos ecoesquemas á realidade da nosa terra

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e dos delegados territoriais da Xunta na Coruña e Pontevedra, Gonzalo Trenor e Luis López, presidiu este mediodía en Santiago a entrega dos VI Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca 2022.

 

No acto, o titular de Medio Rural definiu estes galardóns como “o recoñecemento da Xunta polo esforzo de gandeiros e gandeiras de Galicia comprometidos coa calidade”. Unha estratexia que, sinalou González, “é a panca que facilita a consolidación definitiva do sector lácteo galego, tanto no conxunto de España como fóra do noso país”. O conselleiro indicou que, ao abeiro disto, “continuamos a avanzar na profesionalización, na mellora da rendibilidade, así como na defensa da excelencia dos nosos produtos, mesmo por riba da cantidade”. Malia que sexa “evidente que somos capaces de competir en cantidade sen perder calidade”, engadiu.

 

Iniciativas do Goberno galego a prol do sector

Precisamente, González puxo en valor esta valorización do produto, mediante a calidade, así coma o traballo da Xunta a curto, medio e longo prazo, para apoiar o sector. Un esforzo plasmado na Estratexia sectorial e en iniciativas como a ferramenta informática Conta Láctea, o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo.

 

Todo isto, aclarou, co fin último de contribuír decisivamente ao cumprimento da Lei estatal da cadea alimentaria, en concreto da prohibición da venda a perdas, algo que tivo un “resultado positivo” tamén na construción do prezo do leite, un indicador que -salientou- “leva rexistrando incrementos oito meses consecutivos”.

 

Nesta mesma liña, o conselleiro lembrou tamén que a Xunta inxectou liquidez ao sector pola vía do circulante e o anticipo de axudas, en especial os 200 millóns de euros da PAC, aos que moitos gandeiros puideron acceder no primeiro semestre do ano e que chegarán ao resto “nesta mesma semana”. E cuantificou esta medida en preto de 27 millóns de euros, que beneficiarán directamente uns 6.200 produtores galegos.

 

En parecidos termos, González puxo en valor as axudas destinadas ao incremento da competitividade das explotacións galegas e neste sentido resaltou os 54,8 millóns reservados nos orzamentos da Consellería do vindeiro ano 2023 para plans de mellora, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións.

 

No mesmo sentido, en relación coas actuacións da Xunta a prol do sector, no marco da Estratexia do lácteo, o conselleiro salientou a realización dos cursos de formación empresarial para os profesionais (denominados Gandeiros 20_30). Así, destacou que xa se celebraron ata cinco edicións desta acción formativa e anunciou que van continuar no futuro, con máis cursos en comarcas gandeiras, entre elas en localidades como Curtis ou Trazo, segundo avanzou.

 

Nova PAC

Tamén en relación coa nova PAC, José González sinalou que a súa principal novidade concrétase nos ecoesquemas, que a Xunta conseguiu adaptar á realidade galega. Foi, dixo, mediante unha presión negociadora no proceso de conformación destas políticas que tamén trouxo consigo o logro do aumento das axudas asociadas ao vacún de leite, de forma que Galicia se beneficiará cuns 11,8 millóns de euros anuais de incremento.

 

Nesta mesma liña, puxo de relevo tamén a consecución dunha reclamación histórica. En concreto, o incremento da superficie agraria útil da nosa comunidade mediante o acceso privilexiado ás axudas da PAC de todas as hectáreas mobilizadas baixo ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

 
Por outra banda, en relación coa calidade, o conselleiro mencionou tamén a futura Lei da calidade alimentaria, como “panca na que asentamos a produción de proximidade, sa e sustentable, que sempre identifica a Galicia”. Rematou a súa intervención agradecendo o labor que realiza o Laboratorio Interprofesional Galego do Leite, o Ligal, orientado a mellorar a seguridade, a calidade e a rastrexabilidade do produto da nosa terra, asegurando, en definitiva, a súa “máxima excelencia”. Precisamente, nos orzamentos da Consellería para o vindeiro 2023 hai unha partida de 500.000 euros para apoiar o traballo deste laboratorio.

Imaxes relacionadas