O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o reitor da Universidade da Coruña asinan o convenio para o plan funcional e a redacción do proxecto

A Xunta dálle un novo impulso ao Campus de Ferrol cunha inxección de 1 M€ para o futuro Centro de Investigación en Industria Intelixente

Román Rodríguez subliña que esta infraestrutura vai ser un “polo de innovación ao servizo de proxectos estratéxicos de enxeñaría, innovación e deseño”

O centro reunirá nun só edificio seis ámbitos de especialización como son a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e desenvolvemento de produto

Desde a posta en marcha do proxecto do campus de especialización, no ano 2015, o Goberno galego leva investidos máis de 6M€

Ferrol (A Coruña), 23 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia ratifica o seu apoio ao impulso do Campus Industrial de Ferrol coa inxección de preto de 1M€ para a construción do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente (CI3). O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron esta mañá o convenio para comezar a desenvolver o programa funcional e a redacción do proxecto do mesmo.

 

“Este centro está configurado como unha infraestrutura singular no eido da enxeñaría industrial e naval”, asegurou o conselleiro Román Rodríguez, que subliñou que isto suporá crear “un polo de innovación de fabricación aditiva da industria 4.0”. Deste xeito, nel poderán implementarse proxectos estratéxicos e tractores no eido da enxeñaría, a innovación e o deseño.

 

Competir en contextos nacionais e internacionais

 “A idea é -segundo explicou o conselleiro- avanzar de xeito conxunto nunha estratexia que permita en Galicia o impulso e a creación de centros e institutos de I+D+i mais fortes e capaces de competir en contextos nacionais e internacionais dinámicos, como vai ser o caso de este Centro de Investigación do Campus de Ferrol do que hoxe damos o primeiro paso”.

 

Román Rodríguez aproveitou a súa intervención para destacar que esta actuación é “un exemplo máis do espírito de diálogo entre as tres universidades galegas”, xa que se enmarca dentro dun acordo amplo de reforzo das infraestruturas de investigación universitarias nos distintos campus ao que a Consellería destina preto de 6M€.

 

Así mesmo, lembrou que a Xunta de Galicia leva investidos preto de 6,2 M€ desde que no ano 2015 arrancou o proxecto para a especialización do Campus Industrial de Ferrol.

 

Edificio de 1.455 m² de superficie

Ao abeiro deste convenio a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asume o custo do programa funcional e da redacción do proxecto para a construción do Centro de Investigación en Industria Intelixente, de cuxa materialización se encarga a UDC.

 

Trátase dun edificio de 1.455 m² de superficie que se situará na avenida de Esteiro, na cidade de Ferrol e que alberbará todas as ferramentas e recursos nun mesmo espazo multidisciplinar á disposición dos investigadores para dar resposta aos grandes retos da industria 4.0, ámbito no que o campus conta cunha acreditación de especialización.

 

O CI3 reunirá nun só edificio seis ámbitos de especialización como son a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e desenvolvemento de produto. Estará centrado nas liñas estratéxicas de investigación en novos materiais e técnicas de fabricación, modelización, enxeñería naval e oceánica, fabricación aditiva e materiais avanzados.

 

O edificio contempla unha dotación para laboratorios e zonas de espazos xerais con museo científico, espazos de rent-out e minilabs e zonas de almacenamento e servizos xerais.

Imaxes relacionadas