Rueda anuncia que a Xunta estenderá a vacinación da gripe para nenos de ata cinco anos a todas as áreas sanitarias

Avanza que as familias galegas contarán cunha nova campaña de vacinación para previr e protexer contra as enfermidades respiratorias aos seus fillos tras o éxito que supuxo a proba piloto contra o virus da gripe a pasada fin de semana

Os pais, nais ou titores recibirán un SMS indicando lugar e momento para a vacinación

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta ofrece a posibilidade aos nenos e nenas de entre 6 meses e 5 anos a acudir a vacinarse aos seus hospitais para reforzar a protección infantil contra o virus da gripe.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta explicou que, tras o éxito que supuxo a proba piloto de vacinación infantil contra a gripe da pasada fin de semana no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a Xunta repetirá a experiencia na vindeira fin de semana seguindo a súa liña pioneira de protección da saúde de todos os galegos. O lugar e o momento da vacinación será comunicado por SMS aos pais, nais ou titores das nenas e nenos de entre 6 meses e 5 anos.


Bos resultados na proba piloto do CHUS

A decisión deriva dos satisfactorios resultados alcanzados durante as xornadas do pasado sábado e domingo na proba piloto de vacinación pediátrica realizada no Hospital Clínico de Santiago. Na mesma, un total de 532 nenos e nenas, menores de 5 anos, acudiron a vacinarse da gripe. Con estas vacinacións, a cobertura da gripe entre a poboación pediátrica da área sanitaria de Santiago -algo máis de 11.000 menores-, incrementouse ata en 5 puntos, pasando dun 36% a un 41%.

Así, segundo apuntou Alfonso Rueda, Galicia conta co “calendario de vacinación infantil máis potente de toda España, grazas a asumir os costes que antes pagaban as familias”, ademais de ser a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación vacinada contra a Covid. Por este motivo, a Xunta presenta esta nova campaña de vacinación a nivel autonómico “conscientes da preocupación que teñen moitos pais e nais polo aumento das enfermidades respiratorias”.

 

Desta forma, a Xunta de Galicia continúa a blindar os seus servizos públicos e a reforzar o seu calendario de vacinación infantil que conta xa coa vacina do papiloma para nenos, a do meningococo B e a antigripal tetravalente, totalmente gratuítas para as familias.

Imaxes relacionadas