A Xunta e a Universidade da Coruña renovan a súa colaboración no fomento da investigación e control de calidade de hidrocarburos

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, visitou esta mañá en Ferrol as instalacións do Laboratorio de Combustibles da UDC no CIS Tecnoloxía e Deseño

Ferrol, 22 de novembro de 2022 A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, visitou esta mañá en Ferrol as novas instalacións do Laboratorio de Combustibles da Universidade da Coruña (UDC) no CIS Tecnoloxía e Deseño. Tal e como explicou, a Xunta e a UDC seguirán colaborando no fomento da investigación e control de calidade dos hidrocarburos.

 

As dúas institucións acordaron prorrogar o convenio que manteñen desde 2003 durante os anos 2023 e 2024 por un importe global de 706.891,92 euros -dos que a Xunta achegará 180.000 euros ao ano-. Grazas a esta colaboración, avánzase na investigación neste eido, na formación de investigadores e permite estudar os combustibles e carburantes, os procesos de extracción, refino, ensaio, destilación e distribución para obter produtos menos contaminantes e con maior rendemento.

 

Nos dous últimos anos o laboratorio realizou un total de 1446 controis en estacións de servizo, centros de distribución e relativos a GLP, combustible marítimo, fuelóleo e contaminación microbiolóxica.

 
Con este convenio, a Xunta e a UDC suman esforzos para contribuír ao impulso do desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia no eido enerxético que está directamente vinculado co crecemento da actividade económica, polo que se considera prioritario como motor do progreso da Comunidade.

Imaxes relacionadas