A Xunta felicita a Atiga no seu décimo aniversario pola súa contribución á transformación do tecido produtivo galego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada ‘Recordos do futuro: Encontro empresarial sobre innovación tecnolóxica’ organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga)
 

Os sete centros tecnolóxicos galegos que integran Atiga suman unha carteira de máis de 2000 clientes, 1700 investigadores e tecnólogos, desenvolven máis de 450 proxectos de I+D+i anuais e contan con 141 patentes

Vigo, 22 de novembro de 2022 A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración da xornada Recordos do futuro: Encontro empresarial sobre innovación tecnolóxica, organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) con motivo do seu décimo aniversario. Na súa intervención, Argerey felicitou aos centros tecnolóxicos que conforman a Alianza, “referentes nos seus respectivos sectores e tecnoloxías, pola súa contribución ao ecosistema de I+D+i galego, como aliados estratéxicos dos principais sectores industriais de Galicia na súa transformación dixital e verde, pero, sobre todo, como vector de transformación das nosas pemes, a través da innovación, cunha carteira de clientes de máis de 2000 empresas”.

 

A directora de Gain lembrou tamén o papel que xogan os centros tecnolóxicos no impulso á innovación aberta ou innovación en colaboración, contribuíndo a mellorar o posicionamento de Galicia entre as rexións máis abertas de Europa. Galicia pasou nos últimos tres lustros de estar entre o 25% de rexións menos colaborativas a formar parte do 50% de rexións máis abertas de Europa.

 

Así mesmo, destacou o talento que reúnen, a través dos máis de 1700 investigadores e investigadoras, tecnólogos e enxeñeiras que traballan nos sete centros tecnolóxicos, e a súa excelencia, destacando por riba da media nacional na captación de financiamento europeo. De feito, a participación dos centros tecnolóxicos galegos no programa Horizonte 2020 pasou de representar un 13% a un 26,5% do total captado polas entidades galegas en comparación co anterior programa marco comunitario.

 

Por último, a directora afirmou que este esforzo ten impacto na economía real: na cifra de negocios das empresas, nas exportacións e no PIB galego ao tempo que anunciou que a Xunta de Galicia seguirá apoiándoos para reforzar o seu efecto panca sobre as pemes, e para axudarlles a crecer, para gañar un mellor posicionamento e contribuír así a que o desenvolvemento de tecnoloxías e a innovación galega sexan un referente en Europa.

 

Diálogos e exposición sobre innovación

Durante o encontro, celebráronse tamén diálogos entre os sete centros tecnolóxicos e sete empresas coas que cada un deles colaborou no desenvolvemento de diferentes proxectos de I+D+i. En concreto, os diálogos foron entre: Aimen e Syspro; Anfaco-Cecopesca e Hifas da Terra; Cetim e Indutec Enxeñeiros; CTAG e Beta Implants; Energylab e Xestión do Valor e Solucións; Gradiant e Councilbox; e entre ITG e Himikode. Ademais, a xornada contou cunha zona expositiva na que cada un dos sete centros tecnolóxicos contou cun espazo para amosar os seus últimos avances e innovacións.

 

Atiga en cifras

Os sete centros tecnolóxicos galegos que integran Atiga (Anfaco-Cecopesca, Cetim, CTAG, Energylab, Gradiant e ITG) acadaron o pasado ano uns ingresos agregados de 90 millóns de euros, suman unha carteira de máis de 2000 clientes e contan cun persoal de 1700 investigadores e tecnólogos. Estes sete centros desenvolven ao longo do ano máis de 450 proxectos de I+D+i, unha parte importante deles de ámbito europeo e internacional, e contan con 141 patentes propias ou en colaboración.

Imaxes relacionadas