A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou a escola infantil pública autonómica das Mariñas logo do seu permiso de maternidade

A Xunta sinala que os Orzamentos de 2023 permitirán seguir facendo de Galicia un lugar máis familiar

Inclúen un investimento récord en materia de Política Social e Xuventude ao superar os 1000 millóns de euros, un 16% máis que neste 2022
 

Entre as iniciativas para garantir a conciliación das familias destaca a gratuidade de todas as escolas infantís para o que a Xunta destinará un orzamento anual de 55M€
 

Esta medida está a beneficiar a máis de 30.000 familias de toda Galicia, 3000 na cidade da Coruña, que aforran entre 1500 e 2000 euros ao ano
 

A Xunta tamén axuda ás familias a través da Tarxeta Benvida, para a compra de produtos básicos; do Bono Coidado, para contratar un servizo extraordinario de conciliación; ou do impulso das casa niño, para os concellos menos poboados

A Coruña, 22 de novembro de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica das Mariñas, na cidade da Coruña, onde destacou que os orzamentos do ano 2023 permitirán seguir facendo de Galicia un lugar máis familiar. Durante o que foi o seu primeiro acto logo do permiso de maternidade, sinalou que estas contas inclúen un investimento récord en materia de políticas sociais, ao superar os 1000 millóns de euros destinados a materia, un 16% máis que no vixente exercicio.

 

A conselleira lembrou que este orzamento permitirá seguir apostando por todas aquelas medidas que sitúan a Galicia como unha referencia a nivel nacional en materia de conciliación. Entre elas, destacou a gratuidade de todas as escolas infantís, na que a Xunta inviste 55 millóns de euros ao ano e que beneficia a máis de 30.000 familias de toda Galicia, 3000 na cidade da Coruña.

 

Así mesmo, sinalou que esta importante medida permite que as familias elixan o centro que máis se axuste ás súas necesidades, ao tempo que aforran entre 1500 e 2000 euros ao ano. A gratuidade das escolas infantís aplícase nos centros públicos, privados e de iniciativa social e beneficia a todos os fillos desde este pasado mes de setembro.

 

Referencia en conciliación

Entre as medidas para axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar, a conselleira tamén destacou a Tarxeta Benvida, que ofrece unha axuda de entre 1200 e 3000 euros para face fronte aos gastos básicos polo nacemento dun bebé, o Bono Coidado, para contratar un servizo extraordinario de conciliación; ou a posta en marcha de 95 casas niño para crear un centro de atención en concellos pouco poboados.

Imaxes relacionadas