O presidente do Goberno galego interveu nun almorzo informativo organizado pola axencia de noticias Europa Press

Rueda resalta a contribución de Galicia ao progreso común coa súa aposta polo desafío demográfico, os fondos europeos e novas oportunidades de futuro

Demanda a descentralización do reparto dos Next Generation, avanzar nas infraestruturas do noroeste peninsular, respectar a xestión do litoral en clave de proximidade e aliviar a carga impositiva das peaxes
 

Afirma que Galicia seguirá sendo “a Comunidade que máis apoia as familias” e que no 2023 equipará as que teñen dous fillos ás numerosas a efectos fiscais
 

Insta ao Goberno central a “solucionar de raíz” os problemas en xestión sanitaria cunha nova convocatoria de prazas MIR e a creación da especialidade de Urxencias
 

Subliña a aportación dos territorios do Estado para “construír España, o que é non só un dereito que nos pertence, senón un deber”

Madrid, 22 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou a contribución de Galicia ao progreso común coa súa aposta polo desafío demográfico, os fondos europeos e novas oportunidades de futuro. Na súa intervención nun almorzo informativo organizado pola axencia de noticias Europa Press, o titular do Goberno galego subliñou a contribución de todas as Comunidades para “construír España, o que é non só un dereito dos nosos territorios, senón un deber”.

 

Neste sentido, Alfonso Rueda recordou que esta semana se cumpre un ano desde a celebración do coñecido como Foro de Santiago, no que representantes de oito comunidades autónomas de diferentes cores políticas se xuntaron para avanzar en materia de servizos públicos e financiación autonómica. O presidente da Xunta asegurou que Galicia “seguirá contribuíndo lealmente a facer un país mellor” desde diferentes eixes; fundamentalmente, coa súa aposta polo desafío demográfico, coa xestión dos fondos europeos e coa creación de novas oportunidades de futuro.

 

No referido á loita contra o despoboamento, destacou a gratuidade total das escolas infantís para os nenos e nenas menores de 3 anos. “Somos a única comunidade de España que ofrece unha medida así”, incidiu. En palabras do presidente, Galicia “está a actuar ante un problema do que non se pode ser só comentarista” e puxo en valor outras medidas como a Lei de impulso demográfico, a creación de casas niño nos pobos do rural ou a entrada en vigor dun dos calendarios de vacinación infantil máis completos de España.

 

A maiores, recordou as políticas practicadas para o retorno dos galegos no exterior e dos seus descendentes, o que motivou, en cinco anos, o regreso de 28.000 persoas, o 60% delas menores de 45 anos e cunha boa formación nos seus países de orixe.

 

Rueda destacou que “Galicia seguirá sendo a Comunidade que máis intensamente apoia as familias” e que a partir do 2023 equiparará as unidades familiares con dous fillos coas numerosas a efectos fiscais. O titular da Xunta lembrou que isto suporá unha dedución de 250 euros por familia, así como a bonificación adicional de 250 euros por cada fillo a partir do terceiro.

 

Así e todo, advertiu que hai cuestións na atención á poboación que non poden xestionar só as Comunidades autónomas, como pasa coa Sanidade pola falta de médicos, “un problema que afecta a todos os territorios e que hai que solucionar de raíz”. Neste sentido, instou unha vez máis ao Goberno central a ampliar o número de especialistas cunha convocatoria de prazas MIR extraordinaria e a crear a especialidade de Urxencias.

 

O presidente lamentou tamén que unha política excesivamente centralizada deixe de lado asuntos clave para a vertebración de Galicia, como o Corredor Atlántico de Mercadorías ou a xestión do litoral, que Galicia reclama por ser quen coñece mellor o seu territorio e a súa costa.

 

Descentralización dos fondos europeos

Alfonso Rueda sumouse ás voces que advirten do perigo “dunha oportunidade perdida” polo reparto dos fondos europeos, lamentando a súa lentitude, a inoperancia dos Perte que non chegan a proxectos esenciais como é o da industria automobilística galega ou unha xestión “excesivamente centralizada no país máis descentralizado de Europa”. Fronte a esas dilacións, o titular do Goberno galego contrapuxo que dos 937 millóns de euros que recibiu Galicia polo de agora, o 100% están tramitados e o 70%, en execución.
 

Recordou que Galicia non é allea á crise económica xeral, nun contexto de inestabilidade pola guerra en Ucraína cando aínda a sociedade non se recuperara dos efectos da pandemia. Porén, Rueda subliñou que neste momento era máis necesario que nunca apuntalar as oportunidades para as vindeiras xeracións, que doutro xeito “non nolo perdoarían xamais”, con empregos dignos e capacidade de acceso a unha vivenda que lles “ofreza oportunidades” para desenvolver un proxecto de vida. Nese senso, lembrou o programa de avais que vén de lanzar o Goberno galego para cubrir con axudas autonómicas o 20% que non soen ofrecer as entidades bancarias nos préstamos hipotecarios.

 
O presidente da Xunta tamén recordou que o futuro inmediato dos cidadáns galegos está agora mesmo afectado pola suba dos impostos, e que nese contexto non poden asumir unha nova carga co incremento do 10% que se prevé para a peaxe da AP-9. Rueda instou ao Goberno central “a non actuar como espectador” e conxelar as tarifas na autopista, seguindo así a pegada da Xunta nas vías de titularidade autonómica.
 

 

Alfonso Rueda tendeu a man para seguir contribuíndo desde Galicia ao progreso de España “como o fixemos sempre, sendo unha Comunidade amable e un exemplo de estabilidade”.

Imaxes relacionadas