A Xunta apoia o reforzo do servizo de Protección Civil de Cangas cun vehículo contra incendios

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na presentación do equipamento, cofinanciado polo Goberno galego con máis de 55.600 euros
 

A iniciativa enmárcase no compromiso cos servizos de emerxencias municipais, aos que o Executivo autonómico destinou 24 millóns de euros nos últimos anos

Cangas (Pontevedra), 21 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación do novo vehículo contra incendios adquirido polo Concello de Cangas co apoio da Xunta para destinalo ao servizo de Protección Civil municipal. O custo do camión ascendeu a 167.000 euros, dos que o Goberno galego achegou máis de 55.600 no marco das axudas ás administracións locais en materia de emerxencias.

 

O obxectivo é facilitarlle ao concello unha dotación para afrontar as primeiras actuacións nos lumes que se poidan producir tanto no ámbito municipal de Cangas coma en localidades limítrofes.

 

Entre outras características, o camión dispón de equipamento de radio e dunha superestrutura especialmente deseñada para a loita contra o lume. Conta cunha cisterna con capacidade para entre 1.000 e 1.200 litros e dúas bocas de enchido, cunha bomba hidráulica específica contra incendios capaz de proporcionar unha presión de ata 25 bares, e cun carrete de pronto socorro conectado á bomba e con mangueira de 40 metros.

 

No acto de presentación, no que tamén participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o vicepresidente segundo salientou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencia municipais como “elementos clave ante calquera situación de risco para persoas ou bens, xa que son os que teñen a capacidade de resposta máis rápida”.

 

Diego Calvo referiuse ao apoio histórico do Goberno galego ás administracións locais nesta materia, que se traduce nun investimento de 24M€ nos últimos anos. Deste total, 14M€ destináronse a equipamento para agrupacións de Protección Civil, aos que se suman outros 4 millóns para financiar o seu funcionamento.

 
Concretamente a Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Cangas, composta por máis de 30 efectivos, recibiu nos últimos anos 136.000 euros, dos que máis de 96.500 foron para equipamentos, como unha embarcación, un pick up, distintos remolques ou terminais con GPS, e outros 39.400 euros para funcionamento.