A Xunta explica o funcionamento da depuradora de Ribadumia a un grupo de industriais da comarca do Salnés

Os empresarios participaron nunha xornada técnica organizada pola Xunta e a Mancomunidade do Salnés sobre a planta que recibe as augas dos polígonos de Sete Pías, Tremoedo e Baión

 

Na visita detallouse o xeito en que un inadecuado tratamento das augas residuais nas propias industrias pode dificultar o labor da estación depuradora e prexudicar a ría


As melloras introducidas nos últimos anos nos procesos empresariais conseguiron reducir nun 20% a carga de entrada na planta
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022 A Xunta explicoulles o funcionamento da depuradora de Ribadumia a un grupo de industriais da comarca do Salnés, que participaron na xornada técnica organizada por Augas de Galicia en colaboración coa Mancomunidade do Salnés.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, impulsa este mes un conxunto de actividades coincidindo coa conmemoración anual, do “Día Mundial do Retrete”. Baixo o lema “facer visible o recurso invisible”, a efeméride céntrase en explicar a importancia do saneamento e en mostrar os efectos que unha mala xestión do saneamento pode provocar sobre a calidade das augas subterráneas e, en consecuencia, sobre o medio ambiente e a saúde.

Nese marco, Augas de Galicia e a Mancomunidade do Salnés organizaron o pasado venres unha xornada nas instalacións da depuradora de Ribadumia, que trata augas residuais procedentes dos concellos de Ribadumia, Cambados e Vilanova de Arousa.

 

No encontro participaron representantes das industrias do ámbito da depuradora, á que chegan augas procedentes dos polígonos Industrias de Sete Pías, Tremoedo e Baión.

 

No transcurso da visita, os representantes das industriais da comarca do Salnés coñeceron de primeira man os problemas para o tratamento das augas residuais que pode xerar a inadecuada xestión de vertidos por parte das instalacións industriais.

 

Así, incidiuse na importancia da corresponsabilidade entre o sector industrial e o sector público na mellora da calidade das augas residuais das industrias.

 

A este respecto, nos últimos dous anos realizáronse investimentos en procesos de depuración en varias industrias da zona, adecuándose deste xeito á normativa vixente de vertidos. Estas actuacións teñen como consecuencia unha redución aproximada dun 20% na carga de entrada á planta de Ribadumia, o que facilita a explotación da mesma, tanto en termos técnicos como económicos.

 

Imaxes relacionadas