Alumnos do Mestrado de Exeñería Ambiental da USC coñecen da man da Xunta o funcionamento da depuradora dos Praceres, en Pontevedra

Os estudantes da Universidade de Santiago visitaron hoxe as instalacións da planta de tratamento de augas residuais, onde se lles explicaron as melloras realizadas para mellorar o seu funcionamento, cun investimento autonómico de 16,5 M€

As explicacións detallan os aspectos técnicos das intervencións na mellora da liña de auga para cumprir os límites de vertido da lexislación europea, logrando un gran salto calidade das augas da ría ao conseguir eliminar o 90% de contaminantes

Esta visita enmárcase nas actividades divulgativas organizadas por Augas de Galicia para conmemorar o ‘Día Mundial do Retrete’ e concienciar sobre a importancia do saneamento

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Un grupo de alumnos do Mestrado de Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela coñeceu hoxe, da man da Xunta, o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia, impulsa este mes un conxunto de actividades coincidindo coa conmemoración anual, do ‘Día Mundial do Retrete’. Este ano, baixo o lema “facer visible o recurso invisible”, a efeméride céntrase nos efectos que unha mala xestión do saneamento pode provocar sobre a calidade das augas subterráneas e, en consecuencia, sobre o medio ambiente e a saúde.

 

No marco destas actividades, os alumnos do Mestrado de Enxeñería Ambiental puideron coñecer as intervencións realizadas pola Xunta recentemente na depuradora dos Praceres para mellorar o seu funcionamento. As obras culminaron coa súa posta en marcha en xullo deste ano, despois dun investimento de 16,5 M€.

Nesta visita detalláronse os aspectos técnicos das intervencións realizadas na mellora da liña de auga co obxectivo de cumprir os límites de vertido previstos na lexislación europea. Coas actuacións executadas non só se acadaron os parámetros legais, senón que se conseguiu situalos entre un 60 e un 80% por debaixo dos máximos permitidos, chegando a lograr a eliminación, de media, do 90% dos contaminantes, o que supón un gran salto na calidade das augas da ría de Pontevedra.

Imaxes relacionadas