O director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán abriu as xornadas sobre innovación na cadea forestal-madeira de Galicia organizadas pola Universidade de Vigo

A Xunta pon en valor o traballo feito en investigación forestal de cara ao apoio á industria

Enrique Martínez destacou os avances na protección, conservación e mellora do patrimonio forestal de Galicia, combatendo pragas ou contribuíndo á recuperación das zonas afectadas polos incendios

Aludiu ás oportunidades de crecemento que se presentan no marco da estratexia investigadora da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e do Plan Forestal 2021-2040, entre outras follas de ruta da Consellería do Medio Rural

Pontevedra, 21 de novembro de 2022

O director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez, destacou hoxe os avances na protección, conservación e mellora do patrimonio forestal de Galicia acadados no marco da estratexia investigadora da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural. En concreto, referiuse á situación actual e tendencias da investigación de cara ao apoio á industria forestal no arranque das xornadas sobre innovación na cadea forestal-madeira de Galicia celebradas na Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo (UVigo).

 

Primeiramente, Enrique Martínez fixo un repaso pola historia do CIF de Lourizán que o ano que vén cumprirá 80 anos de labor continuado co gallo de contribuír ao impulso do sector forestal, destacando que Galicia -como líder nacional e novena potencia forestal a nivel europeo- foi sempre pioneira en innovación e investigación forestal. Así, salientou que o traballo do Centro de Investigación Forestal está a axudar non só a reforzar a preparación fronte a ameazas como o nematodo do piñeiro ou a avespiña do castiñeiro, senón tamén a recuperar as zonas afectadas polos grandes incendios deste verán, tras analizar a súa severidade e seleccionar as fórmulas axeitadas de rexeneración.

 

No seu relatorio, o director do CIF de Lourizán tamén tratou as oportunidades que presenta de cara ao desenvolvemento da investigación forestal o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ou o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña. Tamén os fondos europeos e a cada vez maior concienciación que existe no sector ao respecto da importancia dunha investigación aplicada ás necesidades tanto dos silvicultores como da industria forestal. Finalmente, Enrique Martínez deu conta dos programas e proxectos do Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia 2021-2025, enmarcado no Plan Forestal e na estratexia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

 

Cómpre engadir que estas xornadas rematarán con outra sesión o vindeiro luns, día 28, na que intervirá Gonzalo Piñeiro, técnico de I+D+i do CIS Madeira (Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia), dentro da Axencia Galega da Industria Forestal, que falará sobre a situación actual e tendencias da innovación na industria da madeira.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural