Trenor visita o stand da campaña ‘Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual’ instalado no concello de Coirós no que se organizan obradoiros de sensibilización

Con esta campaña que está percorrendo varios concellos galegos a Xunta busca informar e sensibilizar á poboación en xeral contra a violencia sexual
 

A iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe diferentes talleres e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades

Coirós (A Coruña), 21 de novembro de 2022 O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitou hoxe neste concello o stand da campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, que está rotando por distintos concellos galegos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que solicitaron participar nesta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

No stand ofrécese á cidadanía participar en diferentes obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a covid-19. Todos os talleres son inclusivos e están dirixidos a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa idade.

 

Os obradoiros están divididos en áreas de traballo con contidos concretos co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade; e a importancia de estar informados.

 
A rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Na actualidade hai 211 municipios adheridos que impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como o stand que se pode visitar hoxe en Coirós.

Imaxes relacionadas