Román Rodríguez celebra o Día da Música coa Unión Musical de Valladares, que cumpre 120 anos como referente bandística de Vigo e de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades subliña a aportación das bandas musicais á cultura galega “cunha gran conexión co noso territorio e a nosa forma de ser”

Vigo, 20 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participa nos actos de celebración do 120 aniversario da Unión Musical de Valladares, agrupación que é un referente da tradición bandística de Vigo e de Galicia. Esta efeméride coincide coas vésperas da conmemoración de Santa Icía, día dos músicos, o próximo martes.

 

Román Rodríguez puxo en valor a importancia das bandas de música populares como “eixos da nosa identidade e pezas fundamentais para manter vivas as nosas tradicións culturais, pola súa gran conexión co noso territorio e a nosa forma de ser”. O titular de Educación amosou o apoio da Xunta á formación musical a través dos conservatorios e centros de música que cada ano forman milleiros de mozos.

 

Neste contexto, as agrupacións musicais locais exercen tamén de “escolas de vida, onde os seus integrantes aprenden valores como o esforzo e a responsabilidade compartida”, sinalou o conselleiro, que aproveitou para felicitar o traballo desenvolvido pola Unión Musical de Valladares nestas 12 décadas de vida e desexarlles moitos éxitos futuros.

 

Os actos conmemorativos desta agrupación remataron cun concerto no auditorio do centro veciñal e cultural de Valladares, en homenaxe a tres dos seus integrantes con máis de 50 anos de actividade na banda.

 

Imaxes relacionadas