A Xunta activa unha alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego

En Lugo e no noroeste da Coruña agárdase vento do suroeste de forza 8 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a partir das 03,00 horas deste luns en Lugo e no noroeste da Coruña, con vento do suroeste de forza 8, ao norte de Prior, e mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros.

 

No oeste da Coruña, o fenómeno meteorolóxico adverso comezará ás 10,00 horas con mar combinada do noroeste e ondas de ata 7 metros. No suroeste da Coruña e na provincia de Pontevedra o comezo será as 13,00 horas e haberá mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.