A Xunta abre a segunda convocatoria do programa ‘Territorio Cultura’, que eleva a preto de 1,3 M€ o investimento na dinamización do rural galego

O DOG publica as bases desta nova quenda de axudas, dotada con 661.000€ para continuar ampliando a oferta e o tecido culturais en concellos de ata 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 hab/km2

Dáselle continuidade a esta liña de subvencións, da que xa se están a beneficiar 14 proxectos multidisciplinares en preto de 40 municipios

A principal novidade desta volta é a maior dotación da modalidade para iniciativas privadas fronte á das propostas de concellos e os seus organismos dependentes

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022

A Xunta acaba de poñer en marcha a segunda convocatoria do programa Territorio Cultura coa publicación no Diario Oficial de Galicia das bases que rexen esta nova quenda de axudas para incrementar a oferta e o tecido culturais en áreas non urbanas. Esta nova dotación de 661.000 euros súmase á xa adxudicada o pasado mes de setembro a 14 proxectos, de xeito que eleva a preto de 1,3 millóns de euros o investimento no desenvolvemento e a dinamización cultural do rural galego.

Nesta nova quenda, Territorio Cultura mantén como prioridade o reforzo do tecido cultural galego máis alá dos grandes núcleos urbanos a través de iniciativas que se leven a cabo en concellos de non máis de 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 habitantes por km2, que neste caso se deberán materializar entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2023. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de decembro.

 

Variedade de tipoloxías

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en marcha esta liña de subvencións ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, de xeito que a Xunta foi a primeira Administración autonómica de todo o Estado en deseñar e facerlle chegar á cidadanía este programa para ampliar a actividade cultural do rural, entendendo esta como motor de cambio, dinamización e transformación social. Con tal fin, apóianse eventos e espectáculos nunha ampla variedade de manifestacións artísticas, proxectos que favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural cunha concreción práctica no territorio, actividades relacionadas co patrimonio inmaterial en conexión coas tendencias contemporáneas e accións educativas e de mediación cultural.

 

A principal novidade desta volta é unha maior intensidade na dotación da modalidade destinada a propostas presentadas por persoas físicas e xurídicas, para a que se reservan 400.000 euros, fronte aos 260.986 euros da categoría para concellos e os seus organismos dependentes.

Proxectos xa en marcha en 40 concellos

Coa adxudicación da primeira parte de Territorio Cultura, a Xunta de Galicia está a cofinanciar 14 proxectos de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos, que se estenderán ata o vindeiro mes de marzo en núcleos rurais de preto de 40 municipios.

 

A través da categoría destinada á iniciativa privada, apóianse sete propostas: a programación expandida do Festival dos Eidos, organizada pola Fundación Uxío Novoneyra en Folgoso do Courel; as accións formativas e eventos de Audacia Cultural en Abadín e Mondoñedo para favorecer a innovación profesional, a creatividade e o emprendemento no sector; a rede 5x5 de aulas de teatro en cinco municipios do Camiño de Santiago (Allariz, Boqueixón, Lalín, Mazaricos e Silleda); o programa de residencias, formación e ciclos culturais no espazo de creación A Casa Vella, en Amiadoso (Allariz); o proxecto de produción en arte contemporánea Vilaseco na aldea, cos obradoiros, encontros e residencias que a galería Vilaseco desenvolve na aldea chantadina de San Cristovo de Mouricios; Aldearmos, coa participación de 15 entidades das provincias de Lugo e Ourense que integran a Rede Aldear para xerar sinerxías entre os axentes socioculturais do interior galego; e A ollada de Gustav, da compañía escénica aAntena, cunha vintena de actividades en 13 concellos do Camiño para poñer en valor o acervo cultural local a partir do traballo do etnógrafo danés Gustav Henningsen en Galicia.

 

En canto á modalidade dirixida ás entidades locais, os beneficiarios foron os concellos da Estrada para o seu proxecto de descentralización cultural na contorna rural; Vimianzo para o programa A costa da vida, que busca a implicación da veciñanza e de diferentes asociacións do municipio na dinamización sociocultural; Vedra para dotar dunha nova identidade cultural e visual o espazo da estación; Chantada para as actividades do Verán cultural; Portomarín para conxugar danza e literatura en Portomariñeando: tecer libros e bailar; Frades para a posta en marcha do Centro de Cultura Tradicional, e Monforte de Lemos para a organización dos seus circuítos de artesanía e música galega.

Imaxes relacionadas