A Xunta lanza a cuarta edición do programa educativo Escola Verde para fomentar actitudes responsables co medio ambiente entre a comunidade escolar

No curso 2022-2023 participan nove centros educativos, dos cales seis cooperan por primeira vez, mentres que o CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro (Barbadás), CEIP Plurilingüe A Ramallosa (Teo) e o IES de Valga (Valga) repiten experiencia

Cada colexio escolle unha temática relacionada co medio ambiente para traballar, con propostas innovadoras como a pegada ecolóxica e os gases de efecto invernadoiro

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia lanzará este mes a cuarta edición do programa educativo Escola Verde, unha iniciativa concibida para acadar cambios en certos comportamentos e fomentar actitudes responsables coa contorna e o medio ambiente entre a comunidade escolar galega.

No curso 2022-2023 están inscritos nove centros de educación infantil, primaria e secundaria —seis participan por primeira vez e tres repiten experiencia— que aglutinan preto de 1.600 alumnos. Entre eles, cómpre subliñar o caso do CPR Plurilingüe Padre Míguez, que participa nas tres etapas educativas, así como o do CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro, de Barbadás, e o IES de Valga, que repiten experiencia e, ademais, impulsarán actividades colaborativas entre o alumnado de ambos colexios.

O programa Escola Verde, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, arrancará de forma oficial cunha xornada formativa telemática, que se celebrará este mesmo mes de novembro e vai dirixida aos 130 profesores encargados de coordinar a iniciativa nesta edición.

Para lograr os obxectivos do programa, cada centro participante ten que escoller unha temática medioambiental sobre a que traballar durante todo o curso escolar co fin de concienciar aos alumnos no respecto pola biodiversidade e a natureza que os rodea desde as idades máis temperás.

Entre as propostas recibidas no marco desta cuarta edición destacan propostas sobre temas innovadores como a análise da pegada ecolóxica e os gases de efecto invernadoiro (GEI), presentada polo CEIP O Cantel, do municipio lucense de Foz.

Por último, cómpre lembrar que Escola Verde, xunto con MeteoEscolas, é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidades na que colaboran diferentes organismos e que está pensada para fomentar a innovación educativa nos centros escolares, así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial en diferentes áreas.

Na seguinte táboa indícanse os centros de ensino participantes no curso 2022-2023, así como a temática de traballo proposta.

Centro educativo
Concello
 
Temática
1

CPR Plurilingüe Padre Míguez

Vigo
 

O natural é circular

2

CEIP O Areal

Camariñas
 

Comando verde no Areal

3

CEIP Plurilingüe de Toques

Toques
 

Brotes verdes

4

CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro

Barbadás
 

Ruxiverdece continua

5

CEIP O Cantel

Foz
 

Decrecer. O Cantel ecosocial

6

CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López

Sarria
 

Coidamos os nosos espazos

7

IES de Valga

Valga
 

Mudamos o noso centro

8

CEIP A Ramallosa

A Ramallosa

 

Ramalloseir@s coa natureza

9

CEIP de Mosteiro-Bembrive

Vigo
 

Mosteiro Punto Limpo

 

Imaxes relacionadas