A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á fase final desta especialidade celebrada no Centro Galego de Artes da Imaxe, na Coruña

A Xunta premia o talento na categoría de videocreación do gondomareño Juan Rodríguez Bas

En segundo lugar quedou Mirian Opazo Ojea, de Xinzo de Limia, mentres o terceiro galardón foi para a viguesa Rocío Campoy Lage

A Coruña, 19 de novembro de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe no Centro Galego de Artes da Imaxe á fase final da especialidade de Videocreación do certame Xuventude Crea 2022, que pon en valor a creatividade da xuventude galega en distintos ámbitos artísticos. O gañador desta edición foi Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, polo proxecto Corpo, Espazo, Tempo.

 

En segundo lugar quedou Mirian Opazo Ojea, de Xinzo de Limia, por Retratos do silencio. E en terceira posición quedou a viguesa Rocío Campoy Lage, por Emocións en espiral.

 

Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros; 1500 os segundos clasificados e 1000 os que quedaron en terceira posición. En total, chegaron a esta fase final nove mozos e mozas que presentaron as súas obras ao xurado.

 

Máis de 4000 participantes

Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos participaron nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

 

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.