A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co presidente da entidade deportiva

A Xunta e o Club Ciclista Rías Baixas colaborarán na promoción exterior do visor que reúne 52 rutas de alto valor paisaxístico para percorrer en bicicleta en Galicia

No visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, cada percorrido conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e, por suposto, a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022 A Xunta e o Club Ciclista Rías Baixas colaborarán na promoción exterior do visor interactivo que reúne 52 rutas de alto valor paisaxístico para percorrer en bicicleta a Comunidade, segundo salientaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade deportiva, José Luis Chamorro.

Durante unha reunión que mantiveron en Santiago de Compostela, acordaron estudar vías de colaboración que permitan combinar a divulgación e conservación da paisaxe da Comunidade coa práctica do ciclismo, unha actividade saudable que emprega o medio ecolóxico por excelencia -con cero emisións- e que supón, ademais, unha proposta turística sostible.

A conselleira agradeceulle a José Luis Chamorro o compromiso do Club Ciclista Rías Baixas para levar a cabo actuacións que repercutan positivamente no territorio e que teñan como eixos o deporte e a conservación do patrimonio natural. E, a maiores, puxo en valor a súa vontade de promover en eventos ciclistas fóra do país o coñecemento das 52 rutas con alto valor paisaxístico con máis de 2.300 quilómetros que descorren polas catro provincias galegas incluídas no visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.

Cómpre lembrar que neste visor, que foi elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, cada percorrido conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e, por suposto, a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico.

Ademais tamén permite ver en detalle as rutas para realizar unha planificación e gardar o percorrido en diferentes dispositivos como reloxos intelixentes, GPS ou móbiles. A maiores, ofrece a posibilidade de utilizar a plataforma Wikiloc, gratuíta e cun uso moi estendido ao contar con 10 millóns de usuarios.