O conselleiro do Medio Rural foi o encargado de clausurar o evento no recinto feiral de Silleda

A Xunta definirá as paisaxes cortalumes e en mosaico na futura Lei de loita integral contra os incendios forestais para avanzar na prevención

Segundo José González, as paisaxes cortalumes buscarán a xeración de descontinuidades na biomasa con vocación produtiva, mentres as paisaxes en mosaico permitirán diminuír o risco de grandes incendios en áreas cun alto grao de abandono

O conselleiro tamén apuntou á diversificación de especies arbóreas e á ruptura da continuidade das masas forestais como outro dos eixes nos que a futura Lei complementará o Plan Forestal 2021-2040

Así mesmo, puxo en valor a primeira base transfronteiriza de medios aéreos entre España e Portugal para a loita contra os incendios, cun investimento total do proxecto que superará os 9 millóns de euros, e que se vén de someter á información pública
 

Silleda (Pontevedra), 18 de novembro de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou hoxe novidades que incluirá a Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, actualmente en tramitación. Así, na clausura do Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes 2022, onde estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, sinalou que a futura norma definirá as paisaxes cortalumes e en mosaico para avanzar na prevención.

 

En concreto, segundo explicou, as paisaxes cortalumes buscarán a xeración de descontinuidades na biomasa, con vocación produtiva para que sexan sostibles no tempo. Mentres, as paisaxes en mosaico permitirán diminuír o risco de grandes incendios en áreas cun alto grao de abandono. Así mesmo, o conselleiro referiuse á diversificación de especies arbóreas e á ruptura da continuidade das masas forestais como outro dos eixes nos que a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais complementará o Plan Forestal 2021-2040.

 

O titular de Medio Rural relacionou estas medidas coas ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria, como as aldeas modelo que serviron de contrapunto como zona de ancoraxe fronte aos incendios deste verán. Nese senso, apelou a intensificar a implantación destas figuras, así como dos polígonos agroforestais e das agrupacións de xestión conxunta, primando a súa colocación no territorio con criterios de prevención.

 

Tamén incidiu nos investimentos contemplados no marco dos orzamentos do ano que vén, tanto no eido da prevención como no da extinción, con partidas importantes como os 5 millóns de euros recollidos para adquirir 20 tractores-cisterna (os chamados Batracios).

 

Na súa intervención, o titular de Medio Rural louvou o proxecto europeo Interlumes no marco do que se celebra a cita que se clausura hoxe no recinto feiral de Silleda, aludindo á responsabilidade compartida de facernos máis resistentes e resilientes ante os lumes forestais. Tamén á importancia da colaboración, coa planificación territorial como reto -sobre todo- dos grandes incendios.

 

No contexto desta iniciativa comunitaria, José González puxo en valor a primeira base transfronteiriza de medios aéreos entre España e Portugal para a loita contra os incendios forestais, cun investimento total do proxecto que superará os 9 millóns de euros. Un proxecto construtivo que se vén de someter ao trámite de información pública, implicando -no caso de Galicia- os concellos ourensáns de Verín e Oímbra.

 

O Congreso

O Congreso Interlumes 2022, que se celebrou no marco da I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), comezou onte e hoxe acolleu varias charlas sobre temas como a loita contra os incendios forestais en Portugal, a participación social na xestión paisaxística para a prevención de incendios forestais, o programa nacional de preparación de expertos Grupo Fast, o proxecto Europeo H2020 FIRE-RES, as aplicacións informáticas de apoio en xestión de incendios forestais e a experiencia nos incendios forestais deste ano en Estremadura.

 

Tamén houbo un taller práctico impartido polo experto en xestión forestal Ferrán Dalmau sobre Sandbox de interfaz urbano-forestal con lume real. Finalmente, pola tarde, tivo lugar unha mesa redonda de extinción con representantes dos servizos antiincendios de Galicia, Portugal e España.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural