O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, inaugurou hoxe esta iniciativa que se celebra no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi)

A Xunta inaugura unha formación para os promotores das Casas do Maior

Unhas 40 persoas recibirán un curso integral para poder desenvolver o servizo con todas as garantías

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022.-

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, inaugurou hoxe no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) o curso de formación para promotores de casas do maior.

 

Ao redor dunhas 40 persoas participarán neste programa formativo integral que procura que os encargados desenvolvan este servizo de proximidade ás persoas maiores con todas as garantías. A iniciativa contará con tres módulos de contido e durará tres xornadas. Hoxe celebrouse a primeira delas.

 

En Galicia hai actualmente máis dun centenar de casas maior, pequenos centros que atenden, sen coste algún para os usuarios, a un máximo de cinco persoas maiores de 60 anos ata oito horas diarias de luns a venres. Ademais, ofrecen flexibilidade horaria e coidados profesionais, xa que os seus responsables teñen formación ou experiencia profesional específica.

 

O Goberno galego achega aos promotores de cada casa do maior un máximo de 15.000 euros para adecuar as instalacións e outros 19.600 euros ao ano para o seu funcionamento. Así mesmo, para facilitar a súa xestión, contémplanse anticipos das axudas. Estes son do 80% no caso da partida económica para a adecuación da infraestrutura, e no caso das subvencións para o seu funcionamento diario, poderá adiantarse ata o 100% durante o primeiro ano e ata o 75% durante os dous seguintes.

Imaxes relacionadas