O conselleiro do Medio Rural presidiu o acto de entrega da 13ª edición destes recoñecementos, que tivo lugar no Pazo da Almuzara, en Boborás (Ourense)

A Xunta destaca a contribución dos premiados cos galardóns ao desenvolvemento rural por facer do agro un medio máis atractivo para vivir e traballar

José González amosou o seu “orgullo rural” por ver que cada ano se presentan propostas novas, algo que identificou como “un signo de que realmente existe un desenvolvemento rural na nosa comunidade”
 

O conselleiro puxo en valor as preto de 60 propostas presentadas, repartidas nas diferentes categorías, e felicitou un por un os galardoados, glosando a súa achega ao desenvolvemento rural de Galicia

Boborás (Ourense), 18 de novembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe a contribución dos galardoados este ano cos premios ao desenvolvemento rural por facer deste eido “un medio máis atractivo para vivir e para traballar”. Fíxoo durante a súa intervención na clausura da décimo terceira edición destes premios, promovidos pola Consellería a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, onde tamén estiveron presentes a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

Neste acto, José González amosou o seu “orgullo rural” por ver que cada ano se presentan propostas novas, algo que identificou como “un signo de que realmente existe un desenvolvemento rural na nosa comunidade”. Incidiu ademais nesa positiva evolución dos premios destacando que nesta edición houbo preto de 60 propostas repartidas nas diferentes categorías. Con estas iniciativas, engadiu, trátase de avanzar no camiño de promocionar o rural galego e xerar unha sociedade máis dinámica e cohesionada.

 

O conselleiro repasou os premiados nas diferentes categorías, empezando pola da mocidade. Así, neste caso felicitou ao mozo Xabier Paz pola súa iniciativa, denominada “Finca Enxebreza”, unha explotación gandeira de vacún de carne en extensivo en Vilapedre (Vilalba) que acada a condición do predio de maior extensión de Galicia. Sobre este recoñecemento, José González sinalou que non só se premia a súa contribución á recuperación da terra, o mantemento das razas autóctonas e a xeración de emprego no rural, senón que tamén evidencia “a coraxe dun rapaz con perspectiva que soubo emprender nese rural”.

 

Neste contexto, o conselleiro lembrou ademais o compromiso da Xunta coa incorporación de mozos á actividade agrogandeira. Un apoio que se plasma en axudas que xa teñen beneficiado a preto de 4.100 persoas novas dende o ano 2009, cunha achega total próxima aos 120 millóns de euros, nos que se inclúen os 2,6 millóns da convocatoria para 2023. Na mesma liña, González puxo en valor as axudas para o sector de vacún de carne, co fin de que poida afrontar a súa difícil situación. Así, recordou que preto de 12.000 gandeiros galegos xa recibiron en outubro pasado máis de 11,5 millóns de euros de subvencións xestionadas pola Xunta para compensar eses problemas económicos. E tamén o anticipo de 17 millóns de euros en axudas directas de fondos propios para paliar a suba dos custos de produción, a campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema a nivel nacional ou a Estratexia do sector da carne, que está a piques de rematar, salientou.

 

Interese social

Outra das categorías con premio é a de proxectos de Interese social. Nesta ocasión o galardón foi para a asociación Íntegro que, tal e como destacou o conselleiro, “leva máis de 30 anos camiñando cara a inclusión social das persoas con diversidade funcional de toda a Costa da Morte”. Unha traxectoria marcada, segundo González, “polo compromiso social, a igualdade, a defensa dos dereitos, a participación social, a transparencia e a mellora continua”.

 

Na categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa “Atmos Hotel”, pola “marabillosa xestión dun novidoso establecemento no corazón de Outes (A Coruña), fusionando deseño, tecnoloxía e natureza”, segundo explicou o conselleiro, que tamén salientou a vinculación deste proxecto co concepto de sustentabilidade.

 

Dentro da categoría Sector Agrogandeiro resultou premiada a iniciativa Belacolmea, o resultado do obxectivo da Agrupación Apícola de Galicia de poñer en valor as potencialidades dos produtos da colmea a través dunha liña de cosmética natural con Mel de Galicia.

 

No que atinxe á categoría de Recuperación e posta en valor da terra agraria o premio foi para a Asociación de criadores de raza porcina celta de Galicia, Asoporcel, pola súa contribución -segundo salientou o conselleiro- ao mantemento da actividade agrogandeira en zonas rurais desfavorecidas, á conservación da paisaxe e á prevención de lumes forestais. Un labor que entronca directamente coa Lei de recuperación, “a través da que aportamos mecanismos certamente innovadores, dirixidos sobre todo a recuperar terra abandonada incorporando figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta”, remarcou González.

 

Con respecto á categoría de Innovación tecnolóxica, o titular de Medio Rural destacou o valor do proxecto Rir & Co, unha casa taller situada en Allariz (Ourense) e dedicada á elaboración de tecidos artesanais e á creación de obxectos téxtiles a través da conexión entre tecnoloxía e tradición. Ademais, José González fixo fincapé na aposta que supón esta iniciativa pola calidade e lembrou que a futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, persegue precisamente consolidar esa calidade, a singularidade e a diferenciación das nosas producións agroalimentarias.

 
Por último, na categoría de Mulleres o premio correspondeu ás fundadoras de Adegas Terras de Asorei, que -indicou o conselleiro- “elaboran auténticos albariños de calidade excepcional ao tempo que aportan valor ao papel feminino dentro da sociedade actual en todos os sentidos”.

Imaxes relacionadas