O consorcio Casco Vello xa recibiu 27 ofertas para a adxudicación doutros seis locais comerciais no barrio

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou de que o proceso é de novo un éxito e acada unha alta demanda


“A xestión do Consorcio continúa adiante a pesar da permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo”, afirmou

 

Vigo, 18 de novembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, informou este venres de que o proceso de adxudicación directa aberto para os seis locais comerciais que restan por alugar no barrio histórico vigués recibiu un total de 27 peticións nos primeiros sete días.

 

O organismo autónomo xa pechou o pasado mes o concurso público para adxudicar catorce baixos distribuidos en sete rúas e de manera inmediata abriu a proceso para outros seis locais de forma directa. “Estamos de novo ante outro éxito que demostra o acerto por parte do Consorcio á hora de dinamizar o barrio histórico vigués”, sinalou a representante autonómica.

 

Fernández-Tapias explicou que 27 emprendedores e autónomos presentaron a súa oferta para os seis locais comerciais que se ofertan en alugueiro en distintos puntos do barrio histórico vigués (rúas Abeleira Menéndez, Ferrería, Cruz Verde e Real). “A xestión do Consorcio continúa adiante a pesar da permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo”, afirmou a delegada territorial.

 

O proceso de adxudicación directa finaliza de modo electrónico o vindeiro 25 de novembro. Todos os locais xa recibiron ofertas e o baixo de Cruz Verde é o que ten maior número de pretendentes, cun total de 12. A continuación o de Ferrería 5 (Local 3) con cinco ofertas e o de Abeleira Menéndez con outras 4. Seguen os de Ferrería 11 (tres ofertas), Ferrerría 5 Local 1 (dúas ofertas) e Real 25 (unha).

 

Locais ofertados

·      Abeleira Menéndez 18. Superficie útil 55,18 m2. Renda mensual 137,95 €.

·      Cruz Verde 12. Superficie útil 44,65 m2. Renda mensual 111,63 €.

·      Ferrería 05 – local 1. Superficie útil 29,89. Renda mensual 74,73 €

·      Ferrería 05 – local 3. Superficie útil 47,69m2. Renda mensual 119,23 €.

·      Ferrería 11. Superficie útil 98,80 m2. Renda mensual 247,00 €.

·      Real 25. Superficie útil 72,17 m2. Renda mensual 180,43 €.

 
 

Catorce negocios xa en marcha

O pasado 7 de novembro a presidenta do Consorcio fixo a entrega oficial dos baixos a un total de catorce empresas para que poidan iniciar de xeito inmediato a súa instalacion no barrio, o que suporá unha importante dinamización da zona. O concurso público do organismo autónomo pechouse en outubro e os adxudicatarios xa poden comezar a súa actividade no Casco Vello vigués.

 

Entre os novos adxudicatarios que recolleron as súas chaves atópanse artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Así, a rúa Abeleira Menéndez incorporará a súa oferta comercial un local de artesanía textil, unha produtora de eventos e unha academia de cómic. No caso de Cruz Verde, abrirá unha academia de inglés e un establecemento de artesanía cerámica.

O barrio tamén acollerá de forma inminente un estudo de arquitectura na rúa Ferrería, mentres que en San Sebastián os alugueiros recaeron nun centro de ioga, unha orfebrería, un centro de orientación e acompañamento e outro estudo de arquitectura. Ademais, na rúa Santiago haberá unha asociación cultural sen ánimo de lucro e tamén ampliará as súas instalacións unha editorial. Por último, na Subida á Costa instalarase unha fundación cultural e na Ribeira do Berbés, unha academia de formación de viño.  

Imaxes relacionadas