A Xunta procede á apertura da canle de desaugamento da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou os traballos que consisten na apertura dunha canle temporal artificial que reproduce o desaugadoiro natural do lago

Valdoviño (A Coruña), 18 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, e a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, supervisou esta mañá os traballos de apertura da canle de desaugamento da lagoa da Frouxeira, no municipio de Valdoviño.

 

Tralas choivas acaídas na última semana, a lagoa alcanzou o nivel crítico de auga a partir do que se poderían producir inundacións que causarían danos tanto nos ecosistemas como na seguridade pública. Coa fin de evitar estes prexuízos a Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilita a apertura desta canle artificial temporal que permita desaugar a lagoa.

 

A lagoa da Frouxeira foi sometida no século anterior a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral-lagoa.

 

Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, prodúcense inundacións na zona viaria e nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa que é o que se pretende evitar con esta apertura controlada.

 

Esta actuación lévase a cabo seguindo o protocolo establecido no decreto 30/2015 polo que se aproba o Plan de conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño, que converteu a este enclave no primeiro humidal protexido de Galicia que conta con esta figura de protección.

 
A lagoa de Valdoviño, un dos humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. É un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia, como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.

Imaxes relacionadas