A directora da entidade, Teresa Gutiérrez, participou na mesa redonda “Civil UAVs Initiative: unha visión integrada” no marco da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias que se está a celebrar en Silleda

Augas de Galicia destaca a versatilidade e a utilidade do proxecto Mar-2 para o control da calidade da auga no mar, nos ríos e nos encoros

Esta iniciativa de emprego de sistemas aéreos non tripulados na toma de mostraxes, está a ser fundamental no traballo diario de Augas de Galicia, pola súa funcionalidade e posibilidades de uso aínda en condicións meteorolóxicas adversas

Silleda (Pontevedra), 17 de novembro de 2022 A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, destacou hoxe a versatilidade e a utilidade do proxecto Mar-2 na recollida e o control de mostraxes de auga no mar, nos ríos e nos encoros para o control da súa calidade.

Teresa Gutiérrez participou este mediodía na mesa redonda “Civil UAVs Initiative: unha visión integrada”, no marco de SEDEXPO, Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, que se está a celebrar na Feira Internacional de Galicia, en Silleda.

Na súa intervención, explicou que esta solución, desenvolvida ao abeiro do Polo Aeroespacial de Galicia, e baseada na utilización de sistemas aéreos non tripulados para a toma de mostraxes, está a ser fundamental no traballo diario de Augas de Galicia.

Incidiu en que a versatilidade e o emprego, aínda en condicións meteorolóxicas adversas, destes vehículos aéreos non tripulados facilita enormemente a toma de mostras e o control máis intensivo das masas de auga.

Teresa Gutiérrez detallou que, a pesar de que nesta fase de despregue do proxecto Mar-2 se está afondando no funcionamento e nas posibilidades que ofrece o equipo, xa se teñen constatado vantaxes importantes, como a súa versatilidade, que evita o transporte de grandes equipos a lugares, moitas veces, de difícil acceso; ou a posibilidade de programar a toma de mostras con moi pouca antelación.

“O prototipo axústase ás nosas expectativas”, remarcou, referíndose, por exemplo, que o sistema permite tomar mostras a diferentes profundidades sen ter que transportar unha embarcación, algo de grande utilidade e interese para os traballos de mostraxe diaria que fai Augas de Galicia, o que favorecen unha recollida e control de augas máis intensivo e periódico.

Imaxes relacionadas