A V edición do Certame de Podcast ‘Xosé Mosquera Pérez' conmemora o 90 aniversario da radio en Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste concurso dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria para divulgar a lingua galega a través das novas tecnoloxías e promover a historia da radio en Galicia

Ademais do certame, ao longo do curso realizaranse obradoiros, unha exposición dedicada ao profesor Mosquera e unha unidade didáctica sobre a historia da radio

Trátase dunha iniciativa do instituto plurilingüe Rosalía de Castro, Arraianos Producións e o colectivo Ponte...nas Ondas! coa colaboración da Xunta

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do V Certame de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e o colectivo Ponte … nas Ondas! coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. O obxectivo deste concurso, que precisamente toma o seu nome do personaxe que Mosquera popularizou en Radio Galicia desde 1933, é divulgar a lingua galega entre a mocidade a través das novas tecnoloxías ao tempo que se promove a historia da radio en Galicia.

 

Valentín García indicou “que o podcast é un formato que está cada vez máis de moda e queremos contribuír a que se creen podcasts en galego e a que partan da creatividade da xente moza, presente e futuro da lingua propia de Galicia”.

 

Canda o representante da Xunta tamén participaron nesta presentación Xabier Mouriño, director do instituto; Aser Álvarez, director de Arraianos Producións, e Loliña Mosquera, filla de Xosé Mosquera Pérez.

 

90 anos facendo historia

O 19 de decembro de 1932 tivo lugar a primeira emisión radiofónica de Galicia, unha emisión que, curiosamente, só se puido escoitar en Bos Aires. Porén, non foi ata 1933 cando a radio naceu fisicamente en Galicia coa aparición da emisora EAJ 4 Radio Galicia. A partir dese momento, converteuse nun fenómeno social cuxa programación era seguida por milleiros de persoas. Tal é o caso do Vello dos contos, o personaxe creado polo profesor e redactor Xosé Mosquera Pérez, quen converteu o seu alter ego na primeira estrela mediática galega.

 

Para conmemorar o 90 aniversario deste feito, a Xunta colabora un ano máis na que xa é a V edición dos Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, co obxectivo de promover entre o alumnado de Primaria e Secundaria un coñecemento máis profundo da evolución da radio ata a actualidade, así como promover a lingua e cultura galega e portuguesa no eido da produción e difusión de material audiovisual.

 

As solicitudes de participación deberán enviarse antes do 21 de decembro e os gañadores serán anunciados antes do remate do curso escolar 22-23. Toda a información e as bases poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

 

Ademais, e como parte da celebración, durante o ano realizaranse outras accións para difundir entre os centros educativos como unha exposición sobre a figura de Xosé Mosquera, a creación dunha unidade didáctica sobre a historia da radio en Galicia ou a realización dunha serie de obradoiros de introdución ao podcast.