A Xunta concede un programa integrado de emprego ao Concello de Tui e 20 cursos AFD de formación para desempregados no Baixo Miño cun investimento de 1,25 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da aprobación destas novas iniciativas laborais, que mellorarán a empregabilidade de 400 persoas da comarca e que se engaden ás 40 que xa se están a formar nos dous obradoiros de emprego da Guarda e Tui

O PIE a prol do municipio tudense centrarase, durante un ano, na mellora da empregabilidade e no deseño de itinerarios e habilidades profesionais para a consecución dun posto de traballo para, alomenos, o 45% das participantes, que serán todas mulleres

As actividades AFD para desempregados serán impartidas por cinco empresas e entidades colaboradoras nos municipios de Tui (9 cursos), O Rosal (5), Tomiño (4) e A Guarda (2)

Tui, 17 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de aprobar a concesión dunha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) a prol do Concello de Tui e dunha vintena de cursos AFD de formación para desempregados a impartir na comarca do Baixo Miño cun investimento de máis de 1,25 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá da aprobación destas novas iniciativas laborais para esta bisbarra do sur da provincia, que “mellorarán a empregabilidade e favorecerán a inserción e a aparición de oportunidades de traballo” para ata 400 persoas desempregadas da bisbarra.

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno, e actuamos con especial intensidade nesta importante comarca da nosa provincia. Por iso, e con este novo Programa Integrado de Emprego para Tui e os 20 cursos AFD na zona, favoreceremos a formación laboral de ata 440 veciños desta bisbarra do sur cun investimento global de case 2,3 millóns de euros, posto que dende o mes de outubro xa estamos preparando a 40 persoas nos dous obradoiros de emprego dos concellos da Guarda e Tui”, detallou o representante autonómico.

Programa Integrado de Emprego

O PIE outorgado ao Concello de Tui conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 45% entre as súas cen participantes, que serán todas mulleres co propósito de favorecer a colocación feminina. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de empresas da contorna co único obxectivo de que as participantes atopen un posto de traballo.

Cursos AFD

Por outra banda, os 20 cursos AFD de formación para desempregados no Baixo Miño están a comezar ao longo destas semanas do outono e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de maio, xa que a súa duración oscila entre as 38 e as 828 horas dependendo do contido. A distribución por concellos inclúe 9 actividades en Tui, 5 no Rosal, 4 en Tomiño e 2 na Guarda.

En total serán cinco as entidades que impartirán estas actividades na bisbarra, entre as que figuran a Escola Profesional de Hostalería do Baixo Miño ou Concello de Tui, que impartirá tres cursos.

En canto aos cursos AFD que se impartirán na comarca, a tipoloxía é moi variada e contempla competencias clave en galego, programación de sistemas informáticos, organización e xestión de almacéns, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, xestión e control de aprovisionamento, soldadura, seguridade informática, márketing e comunicación, operacións auxiliares de mantemento e transporte na industria alimentaria, montaxe de mobles, instalación de elementos de carpintaría ou venda de produtos e servizos turísticos, entre outros.