O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o quiosco Down Experience situado na praza de Ourense
A Xunta pon en valor o traballo de Down Coruña pola integración laboral das persoas con discapacidade
Defende que todas as administracións deben apoiar aquelas medidas destinadas a garantir o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade
O Goberno galego incrementará nos orzamentos do vindeiro ano 2023 nun 16% os fondos destinados a esta materia ata os 165 millóns de euros
A Coruña, 17 de novembro de 2022 O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá o quiosco Down Experience situado na praza de Ourense, unha iniciativa impulsada por Down Coruña e que promove o emprego entre as persoas con discapacidade. Durante a visita puxo en valor o traballo desta entidade e defendeu que todas as administracións deben apoiar aquelas medidas destinadas a garantir o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade por ser un garante dunha vida autónoma e participativa.
Down Experience é unha iniciativa pioneira que promove a creación de empresas que lle demostren á sociedade que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades son capaces de emprender. O director xeral sinalou que proxectos coma este permiten seguir avanzando cara unha sociedade máis inclusiva na que as persoas con discapacidade teñen unha oportunidade para vivir unha vida plena.