A Xunta inviste 47.600 euros en mellorar a dársena da estación de autobuses de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se renovarán os bancos e se pintarán os paramentos, entre outras accións para mellorar a súa estética e funcionalidade
 

Tamén se realizaron recentemente labores de impermeabilización na cuberta do edificio, cun orzamento de 12.700 euros

Lugo, 17 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora na dársena da estación de autobuses de Lugo, nas que inviste 47.600 euros. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, orientados a mellorar a estética e a funcionalidade deste espazo.

 

O delegado lembrou que recentemente realizáronse tamén labores de impermeabilización de case 100 metros cadrados da cuberta do edificio principal, ás que se destinou un orzamento de 12.700 euros.

 

No que respecta á dársena, está previsto que o luns se comece a pintar tanto a fachada como os portalóns de acceso á estación, mantendo a cor actual. Ademais, instalaranse novos bancos, en disposición continua ao longo da fachada, elaborados con madeira de orixe local, cunha estrutura sinxela e unha imaxe global neutra e unificada; e incluiranse plantas ornamentais.

 

Igualmente, acometeranse algunhas reformas e reparacións puntuais, como a substitución dun colector de saneamento e dalgúns vidros, e o pintado dos bordos das dársenas de cor amarela.

 
Arias indicou que se trata de “traballos de mantemento e rehumanización co obxectivo de ofrecer unhas instalacións que dean resposta ás necesidades dos usuarios da estación cunha estética máis moderna e coidada”.

Imaxes relacionadas