A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurará este encontro

Preto de 200 representantes municipais participan mañá nunha xornada para avaliar o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía en Galicia

O obxectivo é compartir experiencias na implementación dos Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un dos requisitos que asumen os concellos ao adherirse este Pacto

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 Preto de 200 representantes municipais participarán mañá en Santiago de Compostela nunha xornada organizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para facer balance e abordar as perspectivas do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía en Galicia.

 

O obxectivo do encontro é avaliar o período no que a Xunta leva coordinando este Pacto, unha misión para a que creou en 2018 a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos, desde a que asesora aos municipios galegos na súas accións no eido do clima a través de políticas de redución de emisións, adaptación ao cambio climático e loita contra a pobreza enerxética.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, clausurará o evento, que será inaugurado pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, quen, ademais, intervirá na mesa redonda O Pacto das Alcaldías. Casos prácticos, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

 

Neste coloquio tamén participarán os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares -en representación dos concellos de menos de 5.000 habitantes-, e Porto do Son, José Luis Oujo -en nome dos municipios de entre 2.000 e 5.000 habitantes-; e a arquitecta municipal do Porriño, Alba Rodríguez, que representara ás administracións locais de máis de 20.000 habitantes. O obxectivo desta mesa redonda é que compartan as súas experiencias concretas na implementación dos Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un dos requisitos que asumen os concellos ao adherirse ao Pacto das alcaldías e no cal deben esbozar as accións clave que pretenden acometer con respecto a esta cuestión

 
A maiores, o membro da Oficina do Pacto das alcaldías e da Alianza do Clima da Unión Europea, Miguel Morcillo, pronunciará, a través de videoconferencia, o relatorio O pacto das alcaldías desde a perspectiva europea. Balance e retos futuros.