A Xunta publica a orde de axudas para que as escolas infantís de iniciativa social se acollan aos prezos públicos de comedor

Destínanse 1,2 millóns de euros a esta iniciativa que lle permitirá ás familias con nenos nestes centros pagar segundo a súa renda
 

Deste xeito, o servizo será gratuíto para as familias con menos recursos, mentres que o prezo máximo para o resto de usuarios será de 74 euros ao mes

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova orde de axudas destinada ás escolas infantís de iniciativa social, aquelas que son titularidade de entidades sen ánimo de lucro. A nova liña de axudas, dotada con 1,2 millóns de euros, permitirá financiar os comedores destes centros, que se acollerán aos prezos das escolas de titularidade pública autonómica.

 

Grazas a esta orde as familias con nenos nestes centros pagarán o comedor en función da súa renda. Deste xeito, o servizo será gratuíto para as familias con menos recursos e terá un custe máximo de 74 euros ao mes para o resto de usuarios. A Xunta de Galicia procura así continuar axudando ás familias que acoden a unhas escolas cunha longa tradición e unha ampla traxectoria.

 

Cómpre recordar que estes centros, de igual xeito que os públicos e privados, teñen unha atención educativa gratuíta para todo o seu alumnado, unha medida pioneira posta en marcha polo Goberno galego. Esta iniciativa histórica, á que a Administración autonómica destina máis de 50 millóns de euros, permite que unhas 31.000 familias galegas aforren entre 1500 e 2000 euros ao ano por fillo. Neste eido destacan outras medidas como a Tarxeta Benvida, o Bono Coidado, ou as casas niño.

Imaxes relacionadas