O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria fixo entrega da licenza de uso da marca e da carta de artesá á responsable desta firma lucense

A Xunta suma a empresa Torta de Sarria ao selo de calidade artesanía alimentaria

José Luis Cabarcos lembrou que este produto se comercializará agora co distintivo que garante que cumpre unha serie de requisitos relativos ás materias primas, aos procesos de elaboración, ao modo de presentación ou aos controis aos que se so-mete

Destacou que con esta incorporación elévase a 35 o número de firmas adheridas ao selo e a arredor de 60 o de artesáns involucrados

Foi no mesmo acto no que o comedor do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá recibiu a distinción “Km 0 de Galicia” por empregar produtos de proximidade nos seus menús

Este recoñecemento tamén recae este curso nos comedores dos CFEA de Lourizán, Sergude e do Pedro Murias de Ribadeo, no marco da campaña Come Local que se leva a cabo ao abeiro da rede Mercaproximidade

Becerreá (Lugo), 16 de novembro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, fixo hoxe entrega da licenza de uso do selo de calidade Artesanía Alimentaria e da carta de artesá á responsable da empresa Torta de Sarria. Así, segundo destacou o director, elévase a 35 o número de firmas adheridas e a arredor de 60 o de artesáns involucrados.

O director destacou que os produtos desta empresa de Sarria poderán diferenciarse agora no mercado con este distintivo que garantirá que a súa obtención se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas ou aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación ou a como deben ser a rastrexabilidade e o control. Cabe apuntar que a empresa se creou en 2015 coa idea de ofrecer repostería caseira e saudable, con ingredientes de primeira calidade, sen aditivos e utilizando materia prima dos produtores da zona sempre que é posible.

Na súa intervención, José Luis Cabarcos referiuse así a Torta de Sarria como unha aposta pola produción de proximidade, na mesma liña do que promove a distinción “Km 0 de Galicia” que lle foi outorgada tamén hoxe ao comedor do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá. Unha distinción que tamén recae este curso nos CFEA de Lourizán, Sergude, Becerreá e do Pedro Murias de Ribadeo -no marco da campaña Come Local que se leva ao cabo ao abeiro da rede Mercaproximidade- e que acredita que se empregan alimentos provenientes de canles curtas de comercialización nos seus menús, destacando o uso de produtos de tempada amparados polos distintos selos de calidade diferenciada.

En concreto, segundo resaltou o director, o recoñecemento que entrega a entidade Slow Food Compostela dá conta de que preto do 60% dos alimentos empregados nos comedores proveñen de produtores da propia comarca, son frescos e -en gran medida- amparados polas indicacións xeográficas protexidas (IXP), denominacións de orixe protexidas (DOP) e polo selo de Agricultura Ecolóxica. Así, a Consellería do Medio Rural aposta pola valorización da produción alimentaria galega e por implementar a súa filosofía de desenvolvemento sustentable. Ademais, tamén se busca acadar un impacto no territorio económico, social, ambiental e educativo, pero sen perder de vista a propia viabilidade económica desta iniciativa.

Para acadar esta distinción, segundo destacou José Luis Cabarcos, levouse a cabo co persoal dos comedores unha formación específica sobre a xestión de residuos, a eficiencia enerxética e o abastecemento, facendo fincapé na correcta identificación dos alimentos certificados, ben sexan de pesca sustentable, de razas autóctonas ou alimentos con certificados de calidade. Seguidamente, buscáronse provedores da contorna que puidesen facilitar produtos adecuados ás necesidades de cada un dos comedores e garantir o abastecemento dos alimentos durante toda a tempada.

Nesa dirección, na do impulso dos produtos alimentarios galegos, o director lembrou que se está a tramitar a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, que busca consolidar as nosas producións de calidade diferenciada nos diferentes mercados. Así mesmo, no marco da Lei de recuperación da terra agraria dáselle preferencia á recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a distintivos de calidade, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.

Canto aos orzamentos de 2023, José Luis Cabarcos destacou que consignan 5,4 millóns de euros para fomentar a promoción dos produtos de calidade, na liña do que se fixo visible na II edición de “Galicia Etiqueta Calidade”. Así, contémplanse partidas como os 1,5 millóns para accións como feiras, máis de 1 millón para campañas de promoción ou os máis de 500.000 euros para o impulso de ciclos curtos a través do mercado dixital oficial posto en marcha pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Imaxes relacionadas