O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades reúnese coa Xunta Autonómica de directores para abordar novas medidas de apoio ante o contexto de crise

Román Rodríguez avanza un novo aumento do orzamento para comedores escolares e as liñas do Plan de mellora enerxética para facer fronte á inflación

A Consellería fixa un incremento adicional do 5% de achegas aos centros para a compra de alimentos nos comedores de xestión directa que se suma ao outro 5% aumentado xa a finais do pasado curso
 

Esta suba acumulada do 10% supón un investimento adicional de 2M€ neste ano, aos que hai que engadir o aumento dun 30% na partida destinada ás anpas para a xestión deste servizo complementario
 

O titular de Educación destaca que as medidas de apoio implementadas pola Xunta permite “blindar ás familias ante a escalada de prezos, xa que van seguir pagando o mesmo polo comedor dos seus fillos independentemente do custo real do servizo”
 

No que atinxe a mellora enerxética, continuarase coas intervencións arquitectónicas nos centros para acadar unha maior eficiencia, a instalación de centrais de biomasa e a optimización de consumos, entre outros

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá a Xunta Autonómica de Directores para abordar a marcha do curso escolar e explicar as medidas por parte do Goberno galego co fin de que a situación económica  teña a menor repercusión posible no sistema educativo. A este respecto, o conselleiro avanzou dúas liñas concretas que teñen que ver cos comedores escolares e coa eficiencia e sustentabilidade nos centros escolares.

 

No que atinxe aos comedores escolares, Román Rodríguez comunicoulles aos directores un novo incremento do 5% nas partidas da Xunta para os de xestión directa (con cociña propia no centro) que se engaden ao outro 5% que xa se lles subiu a finais do curso pasado. Polo tanto, trátase dunha suba acumulada do 10% tan só neste ano, que se traduce en 2M€ adicionais que reciben os centros educativos para este servizo complementario.

 

“Deste xeito blindamos ás familias ante a escalada de prezos, xa que desde hai anos seguen pagando o mesmo polo comedor dos seus fillos independentemente do custo real do servizo, que asume a Administración galega”, explicou o conselleiro.

Cómpre lembrar que a Xunta tamén incrementou as achegas ás anpas para este curso cunha suba do 30% por cada menú nos comedores da súa xestión.

 

Sete millóns de comidas cada curso

Román Rodríguez destacou a magnitude do servizo de comedor escolar en Galicia, onde “onde temos o 5% do alumnado de todo o Estado e o noso investimento acada o 10%”. “Desde a Xunta investimos cada día de servizo 300.000€ para atender a 77.000 usuarios”.

 

“Pero o que é máis importante, sérvense sete millóns de comidas cada curso, das cales máis de 6 millóns están becadas”, abondou o conselleiro en referencia ao sistema de tarifas en función da renda familiar. Isto fai que oito de cada dez usuarios dos comedores da Consellería utilicen o servizo de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5€ abónana só un 14% deles.

 

Máximas condicións de confort

Así mesmo o conselleiro deu conta ante a Xunta Autonómica de Directores do Plan de mellora enerxética nos centros que ten como obxectivo afondar na eficiencia dos centros escolares. “Trátase -en palabras do conselleiro- de garantir as máximas condicións de confort e seguridade combinadas cunha optimización evitando consumos innecesarios, un reto fundamental ante a escalada de prezos do combustible”.

 

No marco deste plan deséñanse intervencións arquitectónicas encamiñados a unha mellor eficiencia como son as rehabilitacións enerxéticas que xa se están acometendo en centros das catro provincias. Tamén se inclúe a mellora dos sistemas de produción de enerxía apostando por fórmulas como a instalación de placas solares, fotovoltáicas e de caldeiras e centrais de biomasa en recintos escolares.

 

Outra liña de acción dentro do plan é a optimización de consumos a través de sistemas como auditorías enerxéticas ou sistemas de regulación domóticos. Neste ámbito o conselleiro puxo como exemplo un proxecto desenvolto por alumnos do Centro Integrado de FP As Mercedes (Lugo), que permite un maior control do consumo enerxético do centro e que a Consellería está avaliando para exportar a outros centros educativos.

 

Finalmente, como cuarta liña de acción do plan, levaranse a cabo accións formativas e de concienciación medioambiental dirixidas a toda a comunidade educativa. O obxectivo último é fomentar prácticas de consumo responsable, reciclaxe e redución de desperdicios.

 
De xeito paralelo, cómpre lembrar que a Consellería aprobou este curso un incremento de gasto do 7,5% nos gastos de funcionamento dos centros para facer fronte á suba dos prezos de calefacción e doutros subministros.

Imaxes relacionadas