Os directores xerais de Cultura e de Patrimonio Cultural, Anxo M Lorenzo e Mª Carmen Martínez, participan nos premios ‘As imaxes do patrimonio’

A Xunta afirma que a entrada de Ponte...nas Ondas! Na Unesco sería xusto e merecido

A proposta superou con éxito o informe previo para poder entrar no rexistro de boas prácticas e a decisión final se coñecerá a finais deste mes

Os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amosaron o seu optimismo ante a decisión que se tomará no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial que se celebrará en Rabat

“Iniciativas como esta son fundamentais para concienciar da importancia de coidar do noso patrimonio desde as idades máis temperás”, salientaron

Na edición deste ano foron recoñecidos co primeiro premio alumnos de Teo, Salceda de Caselas, Vigo e Salvaterra do Miño

Vigo, 16 de novembro de 2023

Os directores xerais de Cultura e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e Mª Carmen Martínez, asistiron hoxe no Centro Cultural de Valadares á entrega de premios da V edición do certame As imaxes do Patrimonio, onde trasladaron o apoio da Xunta de Galicia a candidatura de Ponte... nas Ondas! que aspira a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.

 

Os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amosaron o seu optimismo ante a decisión que se tomará no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro despois de que a proposta conxunta de Galicia e Portugal superase hai uns días o último informe necesario previo a súa inscrición. “Para coidar e manter vivo o noso patrimonio é clave que as xeracións máis novas comprendan a importancia de coidalo e iniciativas como esta resultan fundamentais para a súa concienciación”, salientaron.

 

“Agardamos que a resposta sexa positiva porque sería a primeira distinción nesta materia para Galicia e suporía un gran impulso internacional para favorecer os lazos coa lusofonía e a sensibilización co patrimonio inmaterial”, afirmaron.

 

Ponte... nas Ondas! naceu hai máis de 25 anos nas escolas de Salvaterra de Miño e Monção e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.

 

Oito galardóns, tres accésits e un premio especial do xurado

O V Certame de Recolla das Imaxes e Podcasts do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués As imaxes do patrimonio promove a recuperación e posta en valor das fotografías para que poidan ser usadas no ámbito escolar pola carga didáctica que atesouran con oito galardóns divididos en tres categorías, tres accésits e un premio especial do xurado.

 

Na primeira categoría, para alumnado de Infantil e Primaria, resultaron gañadores Yoel Ares Gómez, do colexio da Ramallosa (Teo), no primeiro posto; o colexio Altamira (Salceda de Caselas), no segundo, e Joana Correira do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel (Barcelos) no terceiro.

 

Na segunda, dirixida a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, o primeiro premio foi para Amaia Troncoso, do instituto Pedras Rubias (Salceda de Caselas); o segundo para Irene Briones Álvarez, do instituto Auga da Laxe (Gondomar), e o terceiro para María Martins Pires, da Escola Básica Dr. Flávio Gonçalves (Póvoa de Varzim).

 

Por segundo ano consecutivo inclúese unha terceira categoría para podcasts relacionados coas imaxes do patrimonio na que se recoñeceu o traballo do colexio CEIP da Ramallosa (Teo), na categoría de Ensino Primario, e de Cristina Louredo, do instituto Alexandre Bóveda (Vigo), na categoría de Ensino Secundario.

 

Os premiados complétanse con un accésits en cada unha das categorías que recibiron Elisa de Almeida Mouteira do colexio Altamira (Salceda de Caselas), Héctor Castelló López do instituto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e Carmen Iglesias Fernández do instituto San Rosendo (Mondoñedo).

 

Ademais, o xurado decidiu entregar un premio especial á participación o colexio Carlos Casares de Alxén (Salvaterra de Miño) polo seu traballo para fomentar a investigación e coñecemento do patrimonio entre o alumnado.

Imaxes relacionadas