O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentaron a 2ª fase de acondicionamento da estrada AC-862

A Xunta licita as obras de mellora da AC-862 entre o Campo de Hospital e a Ponte Mera cun investimento de case 15 M€

Esta actuación, cuxas obras se licitan hoxe por 6,8 M€, comezará na próxima primavera cun prazo de execución de 18 meses

O vicepresidente segundo, Diego Calvo, destaca que se atende “unha demanda histórica” que permitirá reducir o tempo de viaxe entre Ortigueira e Ferrol mellorando a conexión e a seguridade de todos os concellos que atravesa esta vía

Ethel Vázquez concreta que o obxectivo é actuar no treito de 3 km entre o Campo de Hospital e Ponte Mera, rectificando 13 curvas con radio reducido, executando cunetas de seguridade ou carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos

O proxecto tamén prevé a instalación de barreiras para a protección de motoristas, a ampliación das beiravías e a renovación da sinalización, vertical e horizontal

Esta intervención súmase á 1ª fase no tramo da estrada entre San Sadurniño e o Campo do Hospital, que en poucas semanas porá á disposición dos usuarios 18 km transformados grazas a investimento de 7,2 M€
 

Cedeira (A Coruña), 16 de novembro de 2022 A Xunta licitou hoxe as obras de mellora da estrada AC-862 entre o Campo de Hospital e a Ponte Mera, que culminarán a transformación integral do eixe San Sadurniño-Ortigueira, cun investimento de case 15M€. 

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentaron hoxe a segunda fase de acondicionamento da estrada autonómica da AC-862. 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación, por case 6,8 M€, desta intervención no treito entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera. As empresas interesadas nos traballos terán de prazo ata o 21 de decembro para achegar as ofertas.  

A Xunta traballa co obxectivo de iniciar as obras xa na primavera, cun prazo de execución de 18 meses. Trátase de actuar, unha vez case completada xa a 1ª fase das obras, mellorando 3 km deste treito, reforzando a seguridade, tanto desde o punto de vista do tráfico rodado, como dos demais usuarios da estrada. 

A este respecto, Ethel Vázquez explicou que se acometerán actuacións similares ás do 1º treito, seguindo as mesas características técnicas, coa rectificación de 13 curvas con radio reducido, a execución de cunetas de seguridade e a dotación de carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos.  

Sinalou que a intervención inclúe a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura dos recheos supere os 3 metros de altura; así como a instalación de barreiras para a protección de motoristas, nas zonas con radio reducido; a ampliación das beiravías; e a renovación da sinalización, vertical e horizontal. 

Esta actuación presentada hoxe súmase á que está a piques de rematar no tramo desta estrada entre San Sadurniño e o Campo do Hospital co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade das comarcas de Ferrolterra e Ortegal. 

Nesta 1ª fase actuouse rectificando curvas e encaixando carrís lentos nas zonas nas que foi viable facelo, executando cunetas rebasables nas marxes da vía e mellorando interseccións e xiros á esquerda, ademais de renovación da sinalización. 

Estas obras están practicamente finalizadas, restando só remates, polo que en poucas semanas estarán á disposición dos usuarios 18 km dunha AC-862 transformada grazas a investimento autonómico de 7,2 M€.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou que se atende “unha demanda histórica”, cunha nova actuación que permitirá reducir o tempo de viaxe entre Ortigueira e Ferrol mellorando a conexión e a seguridade de todos os concellos que atravesa esta vía.

Por iso, confía en que a segunda fase deste proxecto contribuirá, ao igual que a primeira, a garantir a seguridade dos usuarios con medidas coas que faciliten os adiantamentos e a visibilidade. En definitiva, como asegurou Diego Calvo, poderíase aplicar a esta vía o concepto de “estradas que perdoan”, atribuído ás vías convencionais que contan cos medios necesarios para minimizar danos e perigos en caso de accidente. 

Imaxes relacionadas