O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou esta mañá en Pontecaldelas na presentación do proxecto “Comprometidos cos nosos montes”

A Xunta pon en valor as máis de 42.000 hectáreas galegas baixo certificación forestal FSC® que acreditan o cumprimento dunha xestión forestal sustentable

Os montes baixo xestión da Xunta que contan cunha certificación FSC suman un total de 88, aos que hai que engadir outros 619 certificados polo sistema PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification)
 

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” aposta por incrementar a certificación nos montes galegos, acadando unhas 650.000 hectáreas mediante calquera dos sistemas recoñecidos de aquí ao fin dese período

Pontecaldelas (Pontevedra), 16 de outubro do 2022 O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta mañá na presentación do proxecto “Comprometidos cos nosos montes”, unha iniciativa conxunta de Carrefour, FSC (Forest Stewardship Council®) e Mahou San Miguel en materia de sustentabilidade ambiental. Alí destacou a importancia de contar cun monte certificado para garantir o cumprimento dunha xestión forestal sustentable, poñendo en valor as máis de 42.000 hectáreas que están actualmente baixo a certificación forestal FSC na nosa comunidade.

 

Neste senso, José Luis Chan subliñou que os montes baixo xestión da Xunta que contan cunha certificación FSC suman un total de 88 e unha superficie global de 42.065,01 ha. Estas cifras supoñen máis do 25% do total certificado baixo este sistema en Galicia. Ademais, lembrou que a Xunta mantén tamén 619 montes certificados polo sistema PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) que suman 160.000 hectáreas.

 

Precisamente, esta aposta pola certificación forestal vén recollida no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, onde se busca incrementar esta certificación nos montes galegos ata acadar unhas 650.000 hectáreas de aquí ao fin dese período.   

 

Neste senso, o director xeral puxo en valor unha das liñas de axudas do seu departamento, a destinada a impulsar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común, cuxa última convocatoria supuxo un investimento de 6,1 millóns de euros e beneficiou un total de 1.056 comunidades de toda Galicia. Así, con estes fondos subvenciónanse, entre outras actuacións, a certificación forestal do monte.

 

Así, cabe sinalar que a Xunta xestiona montes públicos (propios da comunidade autónoma, de libre disposición e de utilidade pública) e privados (veciñais en man común, principalmente) repartidos polo territorio galego. Unha vez que estes montes dispoñen de instrumento de ordenación forestal, a vontade da Administración é a de inscribir, nos procedementos e tarefas habituais en materia de montes, directrices de xestión sustentable emitidas no ámbito forestal e, máis concretamente, de dar cumprimento aos principais estándares en materia de xestión forestal sustentable. Deste xeito, a Xunta afonda no seu compromiso de aplicar os máis altos estándares de calidade na xestión dos montes dos que é propietaria ou xestora.

 

Esta certificación forestal é un procedemento voluntario mediante o cal un terceiro certifica a través de auditorías o cumprimento das normas de xestión forestal sostible dando lugar a un certificado que acredita a orixe e respecto medioambiental dos produtos deses montes. Desta forma, esta certificación tamén é un instrumento de mercado que garante de xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal procede de montes xestionados de forma sustentable o que, sen dúbida, incrementa o seu valor.

 

Neste senso, José Luis Chan agradeceu o compromiso de todas as entidades presentes, non só pola seu traballo a prol dunha certificación forestal sustentable senón tamén polo seu apoio privado para unha rexeneración do noso patrimonio forestal. Unha cuestión fundamental para a dinamización e potenciación dun sector primordial da nosa comunidade, xa que cabe lembrar que o 69% da superficie do territorio galego é forestal. De feito, as masas dedicadas á produción de madeira supoñen o 4% da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España e nela prodúcese máis do 50% da madeira cortada no Estado.

 

Compromiso da Xunta

A xestión forestal sostible certificada por terceiros independentes é un camiño ineludible para os xestores de propiedades forestais de cara a xustificar ante a sociedade que as súas accións mellorarán o estado dos nosos bosques. Ademais, a madeira e outros produtos obtidos de bosques certificados garanten ao consumidor -a través do selo que figura neles- a súa sustentabilidade.

 

Así, esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía. Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural