A Xunta declara catro novas zonas de concentración parcelaria nos concellos de Vilardevós e Lalín que beneficiarán máis de 2.300 propietarios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os decretos que inician os procesos das zonas de Soutochao (Vilardevós) e de Cristimil, Galegos e de Goiás-Xaxán-A Veiga (Lalín), que reorganizarán máis de 4.000 hectáreas de superficie
 

Estas catro novas parcelarias decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os decretos da Consellería do Medio Rural polo que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Soutochao (Vilardevós), Cristimil, Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga (Lalín). Deste xeito, veranse beneficiados máis de 2.300 propietarios de algo máis de 4.000 hectáreas de superficie.

 

Así, cómpre sinalar que o proceso de Soutochao (Vilardevós) afectará unha superficie total 621 hectáreas, repartidas en 3.285 parcelas propiedade de 714 veciños. A parcelaria de Cristimil (Lalín) reorganizará unha superficie total de 455 hectáreas, repartidas en 3.330 parcelas de 235 veciños. A concentración de Galegos (Lalín) reestruturará unha superficie de 431 hectáreas repartidas en 2.308 parcelas propiedade de 187 veciños. Por último, o proceso de Goiás-Xaxán-A Veiga (Lalín) afectará unha superficie de 2.589 hectáreas, repartidas en 8.084 parcelas propiedade de 1.207 veciños.  

 

Desta forma, cómpre indicar tamén que estes catro novos decretos de concentración parcelaria decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

 

Por iso, os catro procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Vilardevós, hai un total de 8 explotacións activas, mentres que nas parroquias de Lalín hai un total de 223 (27 en Cristimil, 40 en Galegos e 156 na terceira zona), de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona. 

 

Enlace ao decreto da parcelaria de Soutochao (Vilardevós):

 

Enlace ao decreto da parcelaria de Cristimil (Lalín):

 

Enlace ao decreto da parcelaria de Galegos (Lalín):

 

Enlace ao decreto da parcelaria de Goiás-Xaxán-A Veiga (Lalín):

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221116/AnuncioG0426-091122-0007_gl.html