A Xunta destinará aos concellos máis de 564 M€ en 2023

A directora xeral de Administración Local participou hoxe nunha xornada sobre a implantación da Axenda 2030 polos gobernos locais, onde debullou os principais retos do municipalismo galego

Natalia Prieto destacou o apoio do Goberno galego ás entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local e das distintas liñas de axuda

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, incidiu na formación específica en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero convocada pola Escola para o persoal das entidades locais

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe xunto á directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, na xornada A implementación da Axenda 2030 polos gobernos locais, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Na súa intervención, Natalia Prieto afondou nos retos do municipalismo galego e sinalou que para contribuír a afrontalos, a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 564 M€ ás necesidades específicas dos concellos a través do Fondo de Cooperación Local e de todas as liñas de axudas dispoñibles nos diferentes departamentos autonómicos. A contía prevista representa un 15,5 % máis que a de este ano.

Neste marco de acción, a directora xeral referiuse á necesidade de avanzar cara a novos modelos de financiamento, tanto local coma autonómico. “Levamos anos reclamándolle ao Goberno central a definición dun novo modelo que dea certeza dos recursos cos que podemos contar cada administración e que teña en conta as particularidades dos concellos galegos na súa distribución, como a demografía ou a dispersión xeográfica”, engadiu.

Segundo apuntou Natalia Prieto, desde a Xunta búscase compensar o desfase que ocasionan esas particularidades a través do Fondo de Cooperación Local, creado en 2011 e que desde entón sumou achegas que ascenden aos 1.800 M€. A dotación prevista para 2023 é de 143,4 M€, un 14 % máis que en 2022.

Aposta pola xestión compartida dos servizos

Ademais da colaboración financeira entre administracións, a directora xeral situou como outro gran reto histórico o de impulsar fórmulas para unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos dos concellos. Así, referiuse á política de promoción e fomento da cooperación municipal desenvolvida polo Goberno galego con medidas normativas e convocatorias que incentivan a xestión compartida dos servizos públicos locais.

O reto demográfico foi tamén un dos aspectos abordados na intervención, coa posta en valor da Lei de impulso demográfico, que converteu Galicia “na primeira comunidade en dotarse dunha norma transversal e de calado que tamén require da cooperación das distintas administracións”. Natalia Prieto destacou que no marco da lei adoptáronse “medidas de todo tipo, a prol das familias, dun rural máis vivo e con mellores servizos públicos para facilitar a vida nos pequenos concellos”

A maiores, para a directora xeral unha das prioridades do municipalismo é a delimitación competencial entre as distintas administracións públicas, especialmente co xurdimento de novas necesidades tras a pandemia. Nesta liña, a Xunta está xa a traballar coa colaboración da USC na clarificación das competencias, especialmente no eido dos servizos sociais e sanitarios, co obxectivo de evitar duplicidades e garantir a suficiencia financeira.

Trátase dun “punto de partida para abordar a necesaria reforma do réxime local, que se está a impulsar a través dun convenio coa Universidade de Vigo e coa colaboración de Red Localis”. Un proceso de modernización da normativa que contará “coa participación de todas as entidades locais e que permitirá sentar as bases para mellorar o financiamento, as competencias e a estrutura organizativa dos concellos, así como responder os retos da sociedade actual”, afirmou.

Por outra banda, a directora da EGAP incidiu tamén na aposta realizada polo Goberno galego no relativo á formación do persoal empregado público das administracións locais. Así, en 2022 este colectivo puido acceder a un programa formativo exclusivo con 45 actividades e 2035 prazas convocadas. 

A maiores, tal e como destacou Sonia Rodríguez-Campos durante a presentación do seminario, os traballadores das entidades locais tamén puideron matricularse en 20 materias específicas en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, as cales sumaron 1.400 horas. Esta medida ten como finalidade, engadiu, "facilitar que o persoal que traballa de primeira man coas mulleres e as súas problemáticas poida acceder a unha formación específica na materia e contribuír así a integrar a igualdade de oportunidades de xeito transversal en todas as políticas públicas municipais".

Finalmente, a EGAP complementa de xeito anual este programa formativo co acceso do dito colectivo a cursos de autoformación, idiomas, ofimática e administración electrónica e protección de datos; xunto coas actividades programadas ao abeiro das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia. 

 

Imaxes relacionadas