O conselleiro de Cultura participa na presentación do libro ‘Julio Camba, un nudista en Vilanova’ que conta co apoio da Xunta e no que Benito Leiro repasa a vida do autor

Román Rodríguez reivindica en Madrid o valor xornalístico e literario de Julio Camba

Destaca que, ademais dun “mestre do humor”, foi quen de “ler como moi poucos autores as contrariedades do seu tempo e elevalas á categoría de alta literatura”


Pon de manifesto o “excelente” traballo do autor desta biografía por retratar esa realidade e dar prioridade á consagración de Camba pero tamén ás súas orixes


Trátase dunha obra biográfica levada a cabo durante tres décadas que reflicte as raíces familiares e persoais do cronista a partir de testemuños e documentación inédita que corresponde en gran parte ao legado particular da familia do autor
 

Madrid, 15 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reivindicou hoxe en Madrid o valor xornalístico e literario de Julio Camba no acto de presentación de Julio Camba, un nudista en Vilanova,  a nova biografía do cronista arousán publicada por Benito Leiro e editada por Teófilo Comunicacións co apoio da Xunta.

 

O acto celebrouse nun lugar especialmente simbólico na vida de Camba, o hotel Palace de Madrid, onde pasou os últimos 13 anos da súa vida. Xunto a Román Rodríguez estiveron o escritor Ramón Pernas, o tenente de alcalde de Vilanova de Arousa, Javier Tourís, así como a conselleira de Cultura da Comunidade de Madrid, Marta Rivera de la Cruz.

 

O titular de Cultura do Executivo galego cualificou a Camba como “moito máis que un mestre do humor” xa que, indicou, foi quen de “ler como moi poucos autores as contrariedades do seu tempo e elevar ese análise á categoría de alta literatura”.  “Camba foi un renovador do columnismo, da prosa informativa, da narrativa de viaxes e incluso da crítica gastronómica e para a posteridade foi tamén o máximo expoñente do xornalismo irónico”, engadiu.

 

Román Rodríguez tamén salientou o papel que Galicia tivo na obra de Camba, onde ata as súas crónicas levaban consigo a retranca e as expresións propias de Galicia demostrando que entendeu “o significado de ser galego nun planeta cada vez máis global”. Nese sentido, puxo de manifesto o “excelente” traballo do escritor Benito Leiro por retratar esa realidade nesta biografía, 60 anos despois do seu falecemento, dando prioridade “xa non só á consagración de Camba, senón ás súas orixes” demostrando que segue sendo “un auténtico referente para Galicia e para España e todos temos a responsabilidade de salvagardar a súa memoria”.

 

Máis de 100 documentos

O autor Benito Leiro culmina con esta publicación un traballo de tres décadas recollendo testemuños persoais e documentación inédita que corresponde en gran parte ó legado particular da familia Camba. Trátase dunha ampla colección  de máis de 100 documentos de cartas manuscritas e mecanografadas, tarxetas postais, fotografías, contratos de colaboración, mesmo albaráns, receitas e fragmentos de artigos que pertenceron na meirande parte a Julio Camba, pero tamén ó seu irmán Francisco e os país de ambos, Manuel Camba Bóveda e Juana Andreu Temes.

 

Con todo este material, Camba, un nudista en Vilanova convértese nun traballo biográfico que reflicte as raíces familiares do cronista, os seus contactos coa contorna social e veciñal no que se foi forxando o seu peculiar Tamén recolle as súas relacións persoais coas súas amistades de Madrid e os vencellos profesionais cos xornais para os que traballou durante a primeira metade do século XX.

 

Ampla experiencia xornalística

Benito Leiro exerceu o xornalismo durante máis de 30 anos en distintas cabeceiras galegas e tamén escribiu un libro documental da historia do narcotráfico galego. Entre os recoñecementos ao seu traballo destacan galardóns como o Centenario de Julio Camba, organizado polo Concello de Vilanova de Arousa, o Ortega y Gasset do diario El País, ou o Reina Sofía de xornalismo sobre drogas. En 2020 foi designado Cronista Oficial de Vilanova de Arousa.

Imaxes relacionadas