Trenor clausura na Coruña unha xornada para reforzar a coordinación institucional contra a violencia de xénero

No encontro participaron responsables das políticas de igualdade do Goberno galego e dos concellos, persoal dos CIM e axentes dos corpos de seguridade, entre outros)

 

A Coruña, 15 de novembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, clausurou hoxe, no Espazo Amizar, unha Xornada de divulgación da Diagnose e Boas Prácticas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, co fin de incrementar o grao e a efectividade da colaboración no seo destes órganos.

 

Os destinatarios son o persoal técnico e político das áreas de igualdade do concellos da provincia coruñesa, dos Centros de Información á Muller (CIM), axentes dos corpos e forzas de seguridade e, en xeral, representantes dos ámbitos implicados nas mesas.

 

A partir da diagnose realizada sobre o funcionamento destes órganos, a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta convoca xuntanzas provinciais para fortalecer o seu traballo, xerando un espazo de intercambio e coñecementos sobre boas prácticas e recollendo novas accións de intervención que redunden nunha maior transferencia das experiencias entre axentes e administracións.

 

Segundo apuntou o delegado da Xunta, “o obxectivo  de esta coordinación é contribuír a mellorar a prevención e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dunha resposta institucional máis áxil e coordinada en todos os aspectos: sanitario, de protección e seguridade, psicolóxico, residencial ou económico”.

Imaxes relacionadas