A Xunta remata a humanización da contorna das antigas escolas e das vivendas de mestres de Loureza, no Concello de Oia, cun investimento de 88.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisou hoxe pola mañá esta actuación, orientada á mellora do espazo público central desta parroquia e cofinanciada ao abeiro das achegas do Plan Hurbe

O proxecto permitiu mellorar a accesibilidade e a imaxe desta zona, aumentou o espazo veciñal e creou unha praza de uso público dotada con bancos, arborado, vexetación, céspede, varandas de protección e muros de contención e delimitación das parcelas privadas

“Colaboramos cunha obra fundamental para rematar a restauración perfecta desta contorna despois de que, en anos anteriores, se completara a rehabilitación de todos os edificios para usos socioculturais e vivendas sociais”, explicou o representante autonómico

Oia, 15 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de rematar as obras de humanización da contorna das antigas escolas e das vellas vivendas dos mestres da parroquia de Loureza, no Concello de Oia, que supuxeron un investimento de 88.000 euros cofinanciado ao abeiro das achegas do Plan Hurbe.

Ante a conclusión dos traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, realizou esta mañá unha visita de supervisión de esta actuación, orientada á mellora do espazo público central desta parroquia co obxectivo de que gañara en estética, funcionalidade e confortabilidade para a veciñanza.

O proxecto consistiu no acondicionamento e restauración da zona para mellorar a súa imaxe, a dotación de novas medidas de accesibilidade e mobilidade, o incremento do espazo para os veciños e a creación dunha praza de uso público. A mesma dotouse de bancos, arborado, vexetación e céspede ao tempo que o resto da contorna incorporou varandas de protección de aceiro e madeira, muros de contención para evitar os efectos de certos puntos de desnivel e pendente e de pequenos muriños de delimitación das parcelas privadas. Finalmente, os accesos foron executados de pavimento en formigón coreado e xabre.

“Colaboramos cunha obra fundamental para rematar a perfecta restauración desta contorna central de Loureza despois de que, en anos anteriores, o Concello de Oia completara a rehabilitación de todos os edificios, que ademais contan cun uso público e social, polo que estamos ante unha actuación que encaixa nas accións de fermosismo e recuperación de espazos públicos que promove a Consellería de Medio Ambiente e, loxicamente, tiña que contar co noso máximo apoio”, explicou o representante autonómico, que puxo en valor que as antigas escolas se destinen a actividades socioculturais e as vellas casas da zona se converteran en vivendas protexidas.

O delegado territorial lembrou tamén que a Xunta “mantén unha liña de colaboración absoluta cos entidades locais” e destacou o “bo entendemento” co Concello de Oia, o que tamén permitiu o investimento de 90.000 euros para a construción dunha pasarela colgante nesta mesma parroquia de Loureza, fundamental para a mobilidade peonil interior e o incremento dos atractivos turísticos, ou a execución doutras obras de recuperación de espazos públicos ao abeiro do citado Plan Hurbe, como a executada anteriormente na contorna da casa consistorial.

Cómpre sinalar que a execución de obras municipais coas achegas do Plan Hurbe ten un financiamento do 70 % por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que aportou 61.538 euros a esta mellora da contorna das antigas escolas de Loureza, mentres que o 30 % restante foi asumido polo Concello de Oia con fondos propios.

 

Imaxes relacionadas